Tomiño crea un novo tramo que dá continuidade á senda da Avenida do Baixo Miño

Tomiño crea un novo tramo que dá continuidade á senda da Avenida do Baixo Miño As obras mellorarán a accesibilidade e seguridade da veciñanza no treito do PO-344 entre a glorieta da Pedra e á da avenida cunha zona de paseo continua na contorna do Seixo duns 2,3 quilómetros

O Concello de Tomiño continúa apostando por recuperar espazos para as persoas, creando zonas de estancia e lecer coas que potenciar tamén a mobilidade sustentable. Neste camiño, o Goberno municipal xa está a traballar na creación dunha senda peonil e ciclista entre a rotonda da Pedra e a rotonda norte da Avenida do Baixo Miño que dará continuidade á existente xa na variante e permitirá crear unha zona de paseo continuo na contorna do Seixo duns 2,3 quilómetros.

“Dende hai moitos anos estamos traballando para crear un novo modelo de mobilidade pensado para as persoas no que teñan cabida espazos amables e de calidade. Esa é a liña que segue esta nova intervención na contorna do centro urbano, un xeito de entender o Tomiño do presente e do futuro que pouco a pouco vaise espallando por todo o municipio”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Este tramo, transferido recentemente pola Xunta tras a construción da Avenida do Baixo Miño, era unha estrada dedicada exclusivamente ao tráfico rodado, con dobre sentido con amplos carrís e beiravías e con vehículos circulando a gran velocidade, pero sen espazos seguros para as e os viandantes. Coa creación deste novo tramo de senda peonil e ciclista “non só melloramos a accesibilidade e seguridade da veciñanza, senón que tamén lle damos continuidade á rúa Gondomar ata a Avenida do Baixo Miño creando unha zona de encontro, de estancia e de lecer para todos os tomiñeses e tomiñesas no corazón da vila”, como explica a rexedora.

Para manter de forma íntegra esa continuidade coa actual peonil e ciclista da variante, este novo espazo estase a construír empregando o mesmo tipo de árbores e luminarias, así como o mesmo formigón coloreado que dá forma ao chan. Deste xeito, o Concello mellorará a mobilidade alternativa neste treito cunha notable integración no ámbito urbano e dotando de espazos seguros para peóns o viario existente. As obras supoñen un investimento de máis de 160.000 euros.