Tomiño creará un sendeiro peonil no río Pego

Tomiño creará un sendeiro peonil no río Pego O Concello aprobou este mércores en pleno a sinatura dun convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que financiará o 80% das obras

A sesión plenaria deu luz verde á modificación de crédito para achegar os 6.000€ primeira anualidade do proxecto, así como outros 50.000€ para a senda de Forcadela 

 

O Concello de Tomiño aprobou este mércores en pleno  a sinatura do convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a creación dun sendeiro peonil paralelo ao río Pego, un compromiso no que o Goberno municipal leva traballando arduamente no último ano.

“Este proxecto supón unha gran noticia para Tomiño, xa que permitirá aumentar o número de sendas para use e desfrute da nosa veciñanza”, salientou a alcaldesa en funcións, Sandra González. Non obstante, estas obras suporán tamén unha importante mellora na depuración de Tomiño, xa que o proxecto contempla a reparación do colector xeral que vai pegado ao río Miño, “o que permitirá rematar coas infiltracións detectadas nalgúns casos, reducir a incorporación de augas pluviais ao colector xeral e mellorar moito a depuración”.

O proxecto contempla un investimento total de 1,5 millóns de euros en tres anualidades, dos que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil achegará 1,2 millóns de euros e o Concello de Tomiño 306.000 euros. Na sesión plenaria tamén se deu luz verde a unha modificación de crédito extraordinario de 6.000 euros para a primeira anualidade do proxecto e que se sumarán aos 24.000 euros que achegará a Confederación para a contratación da asistencia técnica necesaria para a redacción do proxecto de construción do sendeiro.

Por outra banda, o Goberno municipal tamén aprobou en pleno unha modificación de crédito de 48.000 euros para a creación da senda de Forcadela, que irá dende a Casa dos Mestres ata a Escola de Forcadela, unindo equipamentos de xeito accesíbel. O Concello de Tomiño foi o encargado de redactar o proxecto da senda, que a Xunta de Galicia se comprometeu a financiar con 45.000 euros. Porén, “visto que este financiamento é claramente insuficiente para que a obra conte con todos os criterios e garantías que o Concello esixe nas sendas peonís, como a accesibilidade, a retirada dos postes… decidimos achegar fondos propios para que a veciñanza e visitantes poidan gozar dunha senda única e de calidade”.