Tomiño creará unha nova senda para unir a rotonda da Pedra coa nova avenida do Baixo Miño A actuación recuperará espazo para as persoas coa continuidade de itinerarios peonís e ciclistas

Tomiño continúa a recuperar espazo para as persoas cunha nova intervención. O Concello acaba de licitar a obra para crear unha nova senda que unirá a rotonda da Pedra coa nova avenida do Baixo Miño. Conta cun orzamento de máis de 150 mil euros e consistirá dun percorrido accesible e seguro pola marxe este da estrada actual, e que dará continuidade aos itinerarios peonís e ciclistas desenvoltos coa recente execución da variante de Seixo.

A alcaldesa, Sandra González, destaca que con esta actuación “continúamos fomentando e potenciando a mobilidade sustentable en Tomiño” e explica que a nova senda creará un longo percorrido circular de máis de catro quilómetros ao redor do Seixo para o desfrute da veciñanza. “Sabemos que aos veciños e veciñas de Tomiño utilizaban este traxecto de maneira habitual, polo que con esta nova actuación, pechamos un anel seguro, confortable e accesible para todas as persoas no centro do noso concello”, conclúe a alcaldesa. 

A obra neste momento está en prazo de licitación pública e o prazo de presentación de ofertas é de 26 días naturais naturais dende a súa publicación no perfil do contratante. Unha vez licitada, o prazo de execución será de catro meses. Esta intervención está financiada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.