Tomiño súmase á protesta polos parques eólicos proxectados na Serra da Groba O goberno local presenta alegacións e esixe a paralización do proxecto Albariño I que afecta aos concellos de Baiona, Oia e Tomiño

En dúas sesións plenarias do concello xa se analizara a problemática relativa á implantación de futuros parques eólicos tanto na Serra da Groba como a nivel da comunidade autónoma por considerar “opaco” o modelo seguido na adxudicación e tramitación dos devanditos parques. Paralelamente, esixe á Consellería de Industria a paralización dos proxectos en marcha, e a modificación da normativa que os regula. Perante a recente publicación e exposición pública do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) declarado de utilidade pública, “Albariño I”, emprazado nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño, o Concello de Tomiño vén de presentar unha detallada serie de alegacións á construción de ditas instalacións.

O goberno local que encabeza Sandra González, demanda á Xunta que desenvolva un novo marco regulatorio que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais, comezando por deseñar un novo Plan Eólico que conte cunha maior participación de axentes (asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, comunidades de montes, etc.) e cun amplo proceso de exposición pública co fin de suscitar o maior consenso posible.

Incrementar a vixilancia sobre as garantías medioambientais, paralizar todos os proxectos incluídos dentro de áreas propostas para a ampliación da Rede Natura; impulsar un proceso participativo e promover unha oficina específica con servizos presenciais e telemáticos, son só algunhas das peticións do Concello de Tomiño, en cuxo territorio afectarán máis directanmente 2 dos 6 aeroxeneradores do Parque Eólico Albariño I; unha subestación transformadora, un edificio de control e parte da conexión soterrada entre estas construcións e as torres. “Mais as afeccións hai que medilas en conxunto, tanto do proxecto completo do Albariño I como a suma dos que están proxectados na mesma Serra, pois a Serra non entende de límites municipais” recorda a rexidora.

Así mesmo, o Concello amosa total disconformidade co alcance do inventario ambiental incluído no Estudo de Impacto Ambiental do proxecto, considerando insuficiente o estudo e a protección dos recursos e elementos hidrolóxicos e solicitando un estudo máis completo, que promova por exemplo, a mellora do estado dos ecosistemas e o uso sostible das augas. Tamén considera insuficiente a valoración do impacto que o suposto parque eólico causaría na vexetación e na fauna, especialmente en especies protexidas ou ameazadas (aves, quirópteros, anfibios, réptiles, etc.); e destacando tamén a cercanía da Zona de Especial Protección das Aves do “Esteiro do Miño”.

Por último, o goberno de Tomiño salienta a grave afectación que o parque causará na paisaxe da Serra da Groba; unha zona clasificada como Área de Especial Interese Paisaxístico.

Todos os municipios afectados, tanto do Baixo Miño como do Val Miñor, teñen exposto o seu rexeitamento a implantación destes parques eólicos na Groba, e están dispostos a traballar conxuntamente para a súa paralización, como se puxo de manifesto na última concentración en Baiona o xoves 18, na que acudiron representantes dos 8 concellos das dúas comarcas.

 

No seguinte enlace pódese consultar o texto completo das alegacións:

Alegacións Concello_Albariño I