21 Abr Tomiño disporá de dúas áreas para autocaravanas en Goián e na Seixo Concello e Asociación Galega de Autocaravanas traballan para celebrar o encontro anual da entidade no municipio
Tomiño disporá de dúas áreas de aparcamento para autocaravanas en dous puntos diferentes do municipio, unha en Goián e outra no Seixo. A alcaldesa, Sandra González; o presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Manuel Fernández-Arruty; concelleiros e concelleiras municipais e outros tres membros da directiva visitaron a zona para autocaravanas que se está a habilitar en Goián e que estará dispoñible para o seu uso en breve.
Trátase dunha zona de situada no aparcadoiro creado preto da Escola de Música con 8 prazas sinalizadas que contará cos servizos necesarios para baleirar as augas grises de cociña e baño e as augas negras (WC), así como abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, ademais de axardinamento e arborado do perímetro. As obras de adecuación supuxeron un investimento de máis de 48.000 euros.
Xunto con esta zona que entrará en funcionamento nos vindeiros días, o Concello tamén habilitará unha área para autocaravanas no Seixo, no aparcadoiro situado fronte á policía local na Rocha. Nos vindeiros días comezarán as obras desta nova área, que terá 6 prazas e os mesmos servizos que a de Goián: baleirado de augas grises e fecais, abastecemento de auga e iluminación, axardinamento e arborado. Neste proxecto realizarase un investimento de 40.000 euros.
“Con estas novas zonas queremos facilitar a chegada de visitantes a Tomiño, xa que nos últimos anos o turismo de autocaravana consolidouse como un modelo de viaxe alternativo, con cada vez máis usuarios e usuarias que percorren dun xeito diferente moitas zonas rurais e urbanas”, destacou a rexedora. Sandra González salientou que deste xeito “fomentamos tamén unha nova actividade que permitirá continuar dinamizando a nosa economía”.
Concello e Asociación Galega de Autocaravanas traballan xa para celebrar en Goián o vindeiro encontro anual da entidade, que reunirá o vindeiro mes de xuño a máis de 100 persoas nestas novas instalacións para coñecer e gozar de Tomiño e da contorna. “Que o Concello incorpore estas dúas zonas para autocaravanas parécenos fundamental, porque é un atractivo máis para Tomiño e para Galicia. A xente que viaxa en autocaravana é cada vez maior e organiza as súas rutas en función dos servizos que ten á súa disposición, polo que Tomiño estará nos plans de todas e todos os autocaravanistas. E nós estamos encantadas e encantados de que a xente veña, coñeza e gaste en Galicia”, resaltou Manuel Fernández-Arruty.
Con case 20 anos de vida, a Asociación Galega de Autocaravanas aglutina a 770 socios e socias e traballa nun proxecto lúdico e recreativo encamiñado a facilitar momentos de lecer, cultura e fraternidade entre as e os autocaravanistas de toda Galicia, intercambiando experiencias, promovendo o desfrute da contorna natural e reivindicando melloras nos servizos para os usuarios e usuarias que gozan con esta forma de viaxar.