Tomiño distingue a labor de Jesús “Suso” Montero no ámbito deportivo e social Unha das grandes paixóns de Montero foi sempre o deporte, sendo directivo durante moitos anos do Tomiño FC, e un dos promotores do Tomiño FC Feminino

O Concello de Tomiño celebra chegado o mes de setembro, coma cada ano dende 2007, o seu Acto Cívico, coincidindo coas festas patronais da Virxe do Alivio. Un acto destinado a distinguir a unha persoa ou personalidade que dende distintos lugares ou profesións haxan contribuído a agrandar o nome de Tomiño.

Jesús “Suso” Montero Villar, un home sinxelo, do pobo, é o elixido este ano 2021. Nado en Cortiñas, Castrelo do Miño (1954), Jesús Montero é coñecido pola súa longa e valiosa labor no deporte; especialmente na directiva do Tomiño F.C. masculino e feminino. Por outra banda, sempre preocupado polo acontecer do seu municipio, representou ao BNG durante moitos anos dende a oposición, e formou parte durante un tempo do goberno á fronte da Concellería de Benestar.

Ademais, foi membro das comisións de festas de San Blas (durante dúas década) e da da Nosa Señora; participou na Asociación Cultural Daniel Calzado, na traída de augas de Vilar e na directiva da Comunidade de Montes de Tomiño, onde continúa. 

Unha das grandes paixóns de Montero foi sempre o deporte. Comezou xogando ao balonmán, na Academia Octavio, pero tamén xogou ao fútbol co Areosa e ao hóckey sendo directivo durante moitos anos do Tomiño FC, e un dos promotores do Tomiño FC Femenino

A súa vida

En 1978 casouse cunha tomiñesa e afincouse no lugar da Salgosa (barrio de Tomiño) facéndose un oco entre a xente da localidade.

Aos 67 anos continúa traballando na Oficina de Emprego de Tui. 

Suso naceu na casa materna de Castrelo de Miño, onde coñeceu aos 12 anos un fito histórico como foi o levantamento dos labregos e labregas contra a construción da presa que ía asolagar as súas terras. 

Axudou no negocio familiar, un ultramarinos, no barrio do Couto, aos pés do Castro en Vigo. Alí era coñecido como “dos da tenda”. Para os tomiñeses e tomiñesas é simplemente “o Suso do Inem”. 

Para a súa elección, o goberno local tivo en conta que Suso é (segundo o texto redactado para o díptico do acto), “unha persoa sempre disposta a axudar, a colaborar, porque aprendeu daqueles obreiros que ían ao negocio familiar; a compartir, a ser solidario, a facer equipo, a respectar o valor da palabra”. Valores tradicionais que son os motores cando de abrir vieiros se trata. “Porque o Suso sempre ten unha boa palabra, un sorriso, nunca fica demais. Hai quen di que o “Suso o arranxa todo”. Hai tamén quen aínda lembra de cando facía as rendas na casa. Horas e horas botou cubrindo as solicitudes de pensións, declaracións de renda, axudas de invalidez sen diferenciar quen llo pedía, sempre de balde”.