Tomiño distinguida novamente no certame que premia os concellos con mellor xestión de espazos verdes A alcaldesa recolleu en Allariz as 3 Flores de Honra outorgadas polo xurado de Vilas en Flor

Tomiño foi distinguida con Tres Flores de Honra na edición 2021 do programa «Vilas en Flor» que celebrou o mércores 17 a cerimonia de entrega de galardóns no Museo do Coiro de Allariz. A alcaldesa, Sandra González, recibiu o correspondente diploma acreditativo nun acto que contou coa asistencia, entre outros, da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o coordinador do programa e director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza, e a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid.

O xurado, formado por dez expertos, desde docentes universitarios ata enxeñeiros agrícolas de entidades públicas e privadas, arquitectos e historiadores, tanto de Galicia como de Portugal, valorou especialmente no caso de Tomiño “a gran actuación do Parque de Goián, coa recuperación da Carballeira e a reforma da praza da igrexa” así como a “diversidade das especies elixidas nas súas zonas verdes, acordes coa súa localización e o sentido do seu uso”.

Este ano, o cuarto en que se celebra este certame que sigue o modelo doutros países europeos como Reino Unido, Irlanda, Francia ou Italia, bateuse o récord de participación, con 30 municipios. Todos eles recibiron entre unha e catro flores de honra, coas que se valoraron as accións para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado do entorno. Só dous concellos, Allariz e Chantada, obtiveron catro flores de honra.

Este certame, impulsado pola Fundación Juana de Vega, ten como obxectivo a busca da mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos a través das súas iniciativas en prol da posta en valor, conservación, integración e mantemento  da súa paisaxe urbana e rural.

Máis información en: http://galicia.villasenflor.com