Tomiño, distinguido con catro flores de honra no certame ‘Vilas en flor’

Tomiño, distinguido con catro flores de honra no certame ‘Vilas en flor’ É, xunto a Chantada e Allariz, un dos únicos concellos en obter o maior distintivo

As intervencións nas rotondas ao abeiro do Cultivando Paisaxes e a aposta por novos espazos verdes foron as claves

Día histórico para Tomiño. O xurado do ‘Vilas en Flor’ outorgou ao concello tomiñés catro flores de honra, a máxima distinción deste certame que busca poñer en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos. Tomiño é, xunto a Chantada e Allariz, un dos tres únicos municipios en obter o maior distintivo.

O xurado, que visitou a localidade para avaliar distintos aspectos, destacou especialmente as intervencións artísticas realizadas nas rotondas a través do proxecto Cultivando Paisaxes, unha iniciativa posta en marcha grazas á colaboración da paisaxista Sinda Linda e dos viveiros da comarca coa Fundación Xabier Pousa que permitiu converter as cinco rotondas da Avenida do Baixo Miño nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila. Durante a resolución, o xurado quixo tamén resaltar “a mellora constante do Concello e o esforzo feito para sacar adiante todas estas iniciativas innovadoras”.

“Para nós é un orgullo ver que da froitos todo o traballo feito ata o de agora para recuperar espazos e dar vida ás rúas do noso municipio. Fainos moitísima ilusión conseguir este recoñecemento, que é un eixo máis na visibilización do labor que desenvolve un dos sectores máis importantes para a nosa comarca, como é o viveirista”, sinalou a alcaldesa, Sandra González.

Este é o cuarto ano que Tomiño participa no certame ‘Vilas en Flor’, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) co obxectivo de recoñecer a riqueza natural e paisaxística dos concellos participantes e a mellora estética e funcional do territorio poñendo en valor aquelas actuacións medioambientais enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.

As Flores de Honra, que abranguen cinco niveis, concédense aos municipios participantes segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.