Tomiño, distinguido con tres flores de honra na súa segunda participación no certame ‘Vilas en Flor’ O xurado destaca “o bo gusto e a variedade das árbores escollidas nas zonas verdes das novas urbanizacións e a implicación do goberno municipal no futuro proxecto de reforma da praza da igrexa de Goián”

O xurado do certame “Vilas en Flor” emitíu este mércores as súas distincións aos concellos participantes nesta terceira edición poñendo en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos coas flores de honra outorgadas aos 25 concellos galegos participantes.

Tomiño, que participaba por segunda vez, foi distinguido con tres flores de honra mellorando as dúas logradas na súa primeira participación en 2019. O xurado, que visitou a localidade para avaliar distintos aspectos, destaca na súa resolución: “a implicación de toda a comunidade e o importante apoio de toda a corporación municipal”, merecendo unha mención especial “o bo gusto e a variedade das árbores escollidas nas zonas verdes das novas urbanizacións e o futuro proxecto de reforma da praza da igrexa de Goián”.

Chantada e Allariz acadaron de novo as catro flores de honra e, canda Tomiño, recibiron tres flores Caldas de Reis, Lalín e Salvaterra de Miño.

O certame está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), coa participación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e o patrocinio de Husqvarna e Rainbird. O obxectivo principal desta iniciativa é a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación seguindo un modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias, Andalucía e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

Trátase dun programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística destes concellos e a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.