Tomiño é a partir de hoxe Cidade Amiga da Infancia e Adolescencia O acto oficial de recoñecemento celebrouse esta mañá na cidade de Oviedo

O Palacio de Exposicións e Congresos de Oviedo acolleu esta mañá a entrega dos VIII Recoñecementos Cidades Amigas da Infancia, ante un aforo de 500 persoas. Representantes de 114 gobernos locais, e doutros 80 que renovaron o seu compromiso coa infancia, estiveron presentes no acto, do que tamén participou Tomiño, representado pola alcaldesa, Sandra González.

En presenza dos representantes das entidades aliadas—Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e Adolescencia (IUNDIA), e UNICEF Comité Español— máis de 200 gobernos locais viron recompensado o esforzo realizado para situar as políticas de infancia no centro da xestión.

A entrega destes recoñecementos é a culminación dun largo proceso de preparación, que en algúns casos, coma o de Tomiño, se prolonga durante anos, poñendo en valor o “compromiso político coa infancia a medio e longo prazo e o camiño de transformación real emprendido por e cos nenos e nenas”, en palabras do presidente de UNICEF Comité Español, Gustavo Suárez Pertierra.

Pero non é o final do camiño. Os premiados inician agora un período de catro anos que lles compromete a levar a cabo as accións, dotadas de recursos, previstas nos seus plans locais de infancia e a escoitar as opinións dos nenos e nenas que conforman os seus consellos locais de participación infantil e adolescente en todos os temas que lles afectan. As políticas de infancia representan “un exemplo de transversalidade na xestión municipal. Os nosos nenos e nenas deben estar presentes non só na área social, senón tamén nas iniciativas de participación, por suposto na programación cultural e ademais en todo o referente á igualdade de xénero e as accións destinadas a lograr un municipio máis sustentable”, explicou o alcalde de Oviedo, Wenceslao López, anfitrión dun evento que consolida este ano á cidade asturiana como capital dos dereitos de infancia.

Obter o Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia (por catro anos) é o inicio dun proceso de aprendizaxe e mellora continua para desenvolver, conxuntamente cos diversos actores sociais, as políticas e iniciativas locais que favorezan a aplicación real da “Convención sobre os Dereitos do Neno”.

O 27 de novembro de 2018, a entrega dos recoñecementos Cidades Amigas da Infancia a case 200 municipios en Oviedo, ben podería supor o principio dunha nova época no ámbito das políticas de infancia. Unha época marcada pola aceleración na implantación do programa, que crece de 170 a 274 gobernos locais en todo o territorio español. Un día que será lembrado por ser o primeiro en que máis dun 41% dos nenos e nenas en España (máis de tres millóns) vivirá oficialmente en localidades onde os gobernos locais comprométense, dentro da súa xestión, a pór os dereitos a infancia no centro da súa actividade pública.

“Hoxe é un día moi importante para nos porque se recoñece un traballo de moito tempo por poñer a infancia no centro das políticas locais”, explica a alcaldesa Sandra González.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, implicouse persoalmente neste tema, dende que en 2014, recollera en Guadalaxara, a distinción de Boas Prácticas, Dereitos dá Infancia e Política Municipal 2014, outorgada por Unicef, polo proxecto de reforzo escolar “É Aprender, unha sociedade que educa”, posto en marcha polo Concello.

Para optar a este galardón, Tomiño tivo que redactar varios documentos e realizar actividades previas:

Informe da situación da infancia (con datos coma o número de centros educativos, número de nenos/as e adolescentes, etc.)

Plan da Infancia (no que se consignan os proxectos a executar: Camiños Escolares, creación dun departamento municipal da infancia; xestión das propostas do CIA; formación, difusión, encontros, etc.).

Memoria de actividades (Semana da Educación, Semana da Saúde, programa “É Aprender”, plenos infantís, actividades extraescolares de balde, escolas municipais de Música e Teatro, Letras Galegas, campamentos de verán, excursións, xornadas e exposicións, Consello Escolar Municipal e Consello da Infancia e a Adolescencia “Voces Novas”, entre moitas outras).

O Goberno Local asume agora unha serie de compromisos mediante a firma dun convenio, entre eles, entregar un informe intermedio no que debe informar do avance na aplicación do Plan local de infancia.

Finalizados este catro anos, o Goberno Local que desexe conservar a distinción debe presentarse novamente á convocatoria para a súa renovación.

 

Máis información sobre o acto de entrega:

https://ciudadesamigas.org/reconocimientos-ciudades-amigas-de-la-infancia-2018-oviedo/