Tomiño e Cerveira compartirán un mesmo disco azul para aparcar no casco urbano dos municipios

A iniciativa, enmarcada dentro da Carta de Amizade asinada recentemente, pretende aproveitar recursos e, ao mesmo tempo, afondar na colaboración entre as dúas localidades

Os municipios fronteirizos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira seguen a estreitar lazos, despois de asinar, o pasado mes, a Carta de Amizade, con motivo do décimo aniversario da ponte internacional de Goián.
Onte a mediodía, ambos mandatarios locais, Fernando Nogueira e Sandra González, presentaron na Biblioteca Municipal de Cerveira, unha iniciativa conxunta que permitirá á veciñanza dun e doutro concello, usar o mesmo disco azul para aparcar o coche nas zonas céntricas con estacionamento controlado.

O Concello de Tomiño, vén utilizando o sistema gratuíto de Zona Azul dende hai varios anos, e Vilanova aproveitará a experiencia para levalo á práctica a partir do día 15 deste mes.

Nos novos discos, aparecerán os logos identificativos dos dous concellos limítrofes, coa mesma franxa horaria (entre unha hora e hora e media de estacionamento gratuíto como máximo) e palabras comúns ás dúas linguas.

Durante a presentación, os rexedores municipais explicaron que a iniciativa pretende estreitar aínda máis os lazos de unión e cooperación que existen xa entre as dúas vilas e, ao mesmo tempo, contribuír ao crecemento do comercio local, fomentando con esta medida unha maior mobilidade de vehículos e persoas nas rúas céntricas.

A alcaldesa de Tomiño comentou que o sistema da Zona Azul, implementado no municipio hai varios anos, está a dar moi bo resultados, aínda que ao principio a poboación necesitou un tempo para acostumarse.

Sandra Gonzalez aproveitou a oportunidade para adiantar que os dous municipios están a traballar xuntos noutros proxectos de cooperación, entre os que se atopa un moi importante, no ámbito cultural, que terá lugar no mes de setembro.