Tomiño e Cerveira dan un paso máis na súa integración

DSC_0407 (Copy)Os concellos fronteirizos presentaron hoxe a súa axenda cultural e deportiva conxunta, na que sobresaen o Triatlón da Amizade e o segundo Simposio Internacional de Escultura

Os municipios fronteirizos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, deron este mediodía un paso máis na súa integración cultural, deportiva e social, coa presentación unha axenda de oito actividades conxuntas que se desenvolverán ao longo deste ano cun orzamento de 100.000 euros, achegados a partes iguais polos dos concellos.

 

O acto de presentación tivo lugar ás 12 do mediodía no Forum Cultural de Cerveira, presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara de Vila Nova, Fernando Nogueira, e acompañados polas concelleiras de Cultura de ambas vilas, Cristina Martínez e Aurora Viaes.

Ambos responsables municipais salientaron a importancia de seguir a eliminar barreiras de todo tipo entre as comunidades ribeireñas, resaltando a necesidade de sortear certas dificultades de orde administrativa para que a cooperación poida ser maior, especialmente, no ámbito da educación infantil e xuvenil.

Neste sentido, a alcaldesa de Tomiño lembrou a celebración de tres grupos de traballo transnacionais que a partir de hoxe terán lugar a uno e outro lado da fronteira. “A idea é que estas xuntanzas sexan totalmente participativas, de modo que da propia sociedade civil xurdan novas iniciativas de cooperación e integración”, sinalou.

As actividades comezan mañá, día 20, coa Mostra de Arte Infanto-xuvenil “Educarte”, na que por primeira vez participarán nenos e nenas tomiñeses, levando dúas creacións. Trátase concretamente de alumnado dos ciclos de Infantil e Primaria do colexio público de Goián. A mostra terá lugar no edificio da Bienal de Arte de Cerveira, e pode visitarse ata o día 22 deste mes.

Seguindo unha orde cronolóxica, celebrarase o día 1 de maio a Regata Internacional Ponte da Amizade, na que participarán 24 equipos e 450 atletas de ambos países.

Outra actividade deportiva é a II Taça Ibérica de Trail, que terá lugar o día 7 de maio, coa asistencia de 350 persoas e tres probas diferentes.

No campo da cultura, celebrarase os días 18 e 19 de xuño o Concerto da Escola de Música de Tomiño en Cerveira, co fin de dar a coñecer a existencia e oferta educativa do centro, para que poidan acudir tamén os cidadáns portugueses.

En setembro, haberá dous grandes citas; unha deportiva, o X Triatlon da Amizade (día 18) e o II Simposio Internacional de Escultura do Miño, no que catro grandes artistas de distintos países compartirán traballo durante 15 días.

Neste mes, terá lugar tamén o programa “Deporte para todos”, no que a ambos lados da fronteira impartiranse clases de ximnasia e outras disciplinas a persoas maiores de 55 anos.

DSC_0394 (Copy)

DSC_0458 (Copy)DSC_0449 (Copy)DSC_0418 (Copy)