Tomiño e Cerveira renovan a súa estratexia común Ambos os dous concellos celebran reunións con colectivos e entidades socioculturais para definir a Axenda 2030 da Eurocidade

Tomiño e Cerveira continúan a dar pasos para intensificar e ampliar as liñas de actuación da súa estratexia común. O Centro Goianés e a Biblioteca cerveirense son algúns dos locais que acollerán durante todo o mes de xullo reunións de asociacións e entidades galegas e portuguesas para definir os criterios de actuación conxunta da Eurocidade Cerveira Tomiño no horizonte da Axenda 2030.

Coincidindo coa Semana do Medio Ambiente, as e os participantes nestes encontros abordaron, entre outros aspectos, os hábitos de consumo ou produción máis saudables, as novas funcións ambientais dos espazos rurais, a paisaxe, o patrimonio e todas as cuestións relacionadas coa protección e posta en valor do río Miño. Para esta ocasión a Eurocidade reuniu como relatoras a académicas e profesionais con experiencia nos campos da antropoloxía, da enxeñería ambiental, da bioloxía ou da economía aplicada.

Entre as e os asistentes a estas primeiras reunións contouse con asociacións profesionais e de comerciantes, representantes do sector agrícola ou hostaleiro e asociacións culturais e medioambientais. O programa incluíu tamén un xantar, con menú de degustación de produtos locais, no que colaboraron desinteresadamente diferentes empresas agrupadas na Asociación de Cultivos Baixo Miño, así como produtores locais.

Este proceso participativo, que dá continuidade ás reunións celebradas xa o pasado mes de abril con colectivos xuvenís, analizará ao longo do mes de xuño catro aspectos estratéxicos das políticas públicas: a economía circular e relacións urbano-rural, o desenvolvemento territorial e dinamización dos recursos endóxenos, a conectividade e a transición dixital e a cidadanía e a igualdade. A Eurocidade Cerveira-Tomiño xa ten planificados novos encontros para debater arredor da mobilidade e transición dixital ou políticas sociais relacionadas coa igualdade de xénero ou o envellecemento activo.

A Eurocidade Cerveira-Tomiño pretende así ampliar as súas liñas de actuación, promovendo unha actualización da Axenda Estratéxica Amizade Cerveira Tomiño (2015), en base ás políticas urbanas da Unión Europea e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) das Nacións Unidas, e a través dun proceso participativo que identifique prioridades e accións  que leven á promoción da cohesión ambiental, social e económica deste territorio transfronteirizo.