Tomiño e Cerveira seguen adiante cos grupos de traballo, dos que sairán proxectos europeos para unha nova candidatura conxunta

Axenda estratéxica de cooperación transfronteiriza Tomiño-Cerveira.

IMG_4284 (Copy)

O Concello de Tomiño e a Câmara de Vila Nova de Cerveira presentaron una candidatura conxunta á iniciativa europea POCTEP-EURORREG. Na mesma foron incluídas ideas recollidas nos FOCUS GROUP (grupos de traballo) realizados o pasado ano en ambos municipios.

Coa idea de establecer liñas de traballo en tres campos diferentes (cultura e mocidade – servizos sociais – educación), para a redacción de tres novos proxectos, estanse a celebrar sendas reunións dos grupos de traballo a un e outro lado da fronteira. A idea é que os futuros proxectos de cooperación xurdan como resultado dun traballo participativo entre xente de ambas beiras do río, co gallo de diluír fronteiras, colaborando para a xeración de ideas.

Con este obxectivo, o día 19 de abril pasado, reuníase na Casa da Cultura de Tomiño o primeiro grupo de traballo, en torno ao tema da Educación, e onte, 3 de maio, facía o propio o segundo grupo de traballo, para tratar temas de Cultura e Deporte.

Destas xuntanzas xurdiron moitas ideas e propostas que, despois de estudar a súa viabilidade, poderían dar lugar a proxectos para unha candidatura europea común. A título de exemplo, cítanse algunhas desas ideas ou propostas:

– Que durante o período lectivo o alumnado portugués e galego poda cartearse (cadaquén no seu idioma) e intercambiar fotos, libros etc.

– Celebrar convivencias internacionais en parques ou outros espazos públicos durante uns días.

– Organizar xornadas ou Encontros sobre temas de interese común.

– Elaborar un dossier sobre educación, por parte do Concello de Tomiño e Cámara Municipal de Cerveira, cos recursos, servizos e programas educativos de ambas beiras para que se coñezan as ofertas que existen dun e doutro lado.

– Estudar en profundidade o ámbito legal no tocante ao troco de alumnado/profesorado para participar en actividades educativas no país veciño.

– Que os centros educativos de Tomiño tenten ofertar aulas de portugués (xa que en Cerveira impártense aulas de español nos colexios públicos).

– Crear unha axenda de deporte escolar en conxunto.

– Realizar encontros musicais entre infancia e mocidade.

– Organizar un campus de fútbol municipal conxunto para nenos e nenas de Tomiño e Cerveira.

– Etc.

IMG_4282 (Copy)

 

DSC_0492 (Copy) DSC_0495 (Copy)