Tomiño é un dos concellos beneficiarios na compra de equipamento de emerxencias O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da cesión de equipamento de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes que teñen Protección Civil

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da cesión de equipamento de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes que teñen Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), concedidas ao abeiro da ORDE do 2 de agosto de 2018.

No que atinxe a provincia de Pontevedra a Xunta inviste preto 91.000 euros na compra de seis remolques para a atención a emerxencias para os concellos de Cambados, Marín, Moaña, Ponteareas, Ribadumia e Tomiño. Unha cifra que no conxunto de Galicia ascende a 869.049 euros, destinados á adquisición de equipamento para 35 municipios de menos de 50000 habitantes. Esta inversión está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

É preciso sinalar que estes remolques contan cunhas características específicas que os fan idóneos para a intervención nas emerxencias, principalmente producidas debido a temporais e inundación, xa que están equipados con electro bomba somerxible, motobomba para augas residuais, xerador de electricidade portátil de gasolina, motoserra, rozadora manual, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización. Asemade, ao ser dunhas dimensións reducidas poden desprazarse a calquera núcleo de poboación, aínda que as vías sexan estreiras.

O obxectivo é que estes equipamentos de emerxencias sexan utilizados polas AVPC en programas de prevención de riscos e primeiras intervencións en emerxencias, fundamentalmente provocadas por fenómenos meteorolóxicos adversos ou incendios forestais, previndo danos aos cidadáns, aos seus ben e ó ambiente ou, no caso de que estes se actualicen, a minorar as súas consecuencias no posible.

Neste senso, cómpre lembrar que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é o departamento encargado de xestionar as competencias que en materia de protección civil ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia e, mais especificamente, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior encadrada na súa estrutura.

En calquera tipo de emerxencias é conveniente contar en determinados momentos, ademais dos propios medios da Comunidade autónoma con outros dos que esta non dispón, optimizando recursos e orzamentos, colaborando cos concellos en materia de protección civil e emerxencias, na prevención de riscos e na intervención naqueles casos que os riscos se actualizan converténdose en graves accidentes e emerxencias.

Os servizos municipais non sempre contan con todos os medios necesarios e, menos aínda, con recursos máis técnicos e especializados, polo que é necesario poder dotalos dun equipamento adecuado que posibilite e redunde nun mellor coñecemento das áreas de intervención ante determinadas emerxencias co fin de acadar un maior grado de seguridade para os seus membros e para a poboación afectada.

Na liña marcada pola Unión Europea a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza executou máis de 10 millóns euros, no que vai desde o ano 2015 ao 2018 no programa cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional “FEDER”.



X