Tomiño é un dos poucos concellos galegos que terán wifi gratis nos espazos públicos O Concello logrou colarse entre o medio millar de municipios españois (unha ducia deles galegos) que puideron solicitar a axuda da UE no primeiro minuto de apertura da convocatoria

Tomiño é un dos 510 municipios españois que poderá beneficiarse das axudas que concede a Unión Europea para financiar a instalación de wifi gratis de alta velocidade en espazos públicos (parques, edificios municipais, etc.).

A Comisión Europea anunciou onte o nome de 3.400 municipios europeos (510 en España e unha ducia en Galicia) que recibirán unha axuda de 15.000 euros para financiar estas instalacións, dentro do programa “Wifi4EU”, co que a UE quere apoiar a instalación de conexións de alta velocidade en municipios europeos (entre 6.000 e 8.000), cun orzamento de 120 millóns de euros para o período 2018-2020.

A convocatoria para solicitar estas axudas estivo aberta só dous días (4 e 5 de abril de 2019) e participaron case 10.000 concellos. Segundo informou a UE, practicamente a totalidade dos municipios presentaron a súa solicitude no primeiro, minuto tras a apertura da convocatoria por orde de inscrición. Tomiño foi un deles ao lograr colarse nese primeiro minuto, conseguindo ser o único concello do Baixo Miño en contar con esta axuda. Segundo explica Antonio Tartaglione, responsable de Promoción Económica de Tomiño, o Concello non se presentou á primeira convocatoria destas axudas por non ter confirmada a existencia de fibra óptica na zona. “Agora, que xa se están a instalar as conexións de fibra óptica nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián, pensamos que era o momento idóneo para pedir a axuda”, apunta.

Os municipios que reciban os fondos deben garantir que a conexión ‘wifi’ estea dispoñible nun prazo de 18 meses e os concellos terán que definir o seu proxecto, seleccionar a compañía para a instalación e facer fronte aos custos de mantemento. A conexión que se ofreza debe ser de alta calidade , tendo que supervisar a UE que se cumpra este criterio.