Tomiño empraza as obras do II Simposium de Escultura no xardín do Centro de Saúde

  • As outras dúas creacións quedaron en Vila Nova de Cerveira

 

 

Dúas das obras do II Simposium Internacional de Escultura do Miño, organizado polos concellos de Tomiño e Cerveira, no pasado mes de outubro, están xa colocadas no seu sitio definitivo: o exterior do Centro de Saúde de Tomiño. A zona axardinada da parte dianteira do edificio conta, dende hai uns días, de dúas obras de arte de moito nivel, que realzan a instalación na súa totalidade.

 

Trátase das esculturas en mármore dos artistas taiwaneses Lee, Zih-Cing e Teng e Shan-Chi (Taiwán), os que, coordinados polo artista luso Vítor Reis, e xunto a Fernando Pinto (Colombia) e Liliya Pobornikova (Bulgaria), formaron o grupo de escultores convidados a traballar nas súas obras durante tres semanas, á vista do público.

 

A parella taiwanesa Lee, Zih-Cing e Teng, Shan-Chi, elaborou as obras “Cycle password” e “Dragão”, respectivamente. Estas son as dúas que agora pasaron a formar parte do patrimonio artístico de Tomiño, como foran hai uns anos as do primeiro simposium, celebrado no Espazo Fortaleza, e que adornan na actualidade a remodelada Praza do Seixo.DSC_1840 (Copy)

 

Os catros artistas esculpiron as súas creacións en Vila Nova de Cerveira, fronte ao Baluarte de Santa Cruz, preto do río Miño e do parque do Castelinho.

Pobornikova, realizou a composición “Spring”, que xunto á obra de Pinto, “Puerta rosa”, quedou en Cerveira.

 

Moitas foron as persoas que durante tres semanas achegáronse para ver aos artistas crear as súas obras en grandes bloques de pedra, a maioría mármore, dos que foron sacando formas , volumes e figuras sorprendentes.

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, salientaron no seu momento a importancia de “achegar a arte á rúa”, e lembraron que, tanto Cerveira coma Tomiño, son terras de artistas e comparten un patrimonio común.