Tomiño ‘En negro contra as violencias’ co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres O concello adhírese a esta campaña de sensibilización, na que se incluirán actividades como a lectura dun manifesto o 24 de novembro na Praza do Seixo

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acaba de asinar o protocolo de adhesión do concello tomiñés á campaña de sensibilización ‘En negro contra as violencias’, unha iniciativa que co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, tinguirá de loito a localidade para visibilizar e denunciar o máximo expoñente da desigualdade que sofren as mulleres: a violencia de xénero.

Entre o 23 e o 26 de novembro, Tomiño, xunto a outros máis de 70 concellos e 3 deputacións de toda Galicia, levará o negro aos escaparates, ás redes sociais ou mesmo á roupa de traballo dos e das comerciantes en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte. No que vai de ano as violencias machistas custáronlle a vida a 44 mulleres e 8 menores.

Ao abeiro desta campaña, o vindeiro 24 de novembro Tomiño acollerá a lectura dun manifesto que por primeira vez será único para todos os concellos participantes na iniciativa. Será a alcaldesa, Sandra González, a encargada de ler este manifesto ás 12.00 horas na Praza do Seixo, ao que está invitada toda a cidadanía.

A programación da campaña completarase coa celebración dunha sesión de Contacontos pola igualdade no Mercado Municipal o 25 de novembro a partir das 19.00 horas e coa actividade ‘Contamos todas’ desenvolta pola Tropa de trapo para o alumnado de 4º da ESO do IES Antón Alonso Ríos o 28 de novembro.

Con estas actividades e a sinatura do protocolo de adhesión este martes no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela, o Concello de Tomiño continúa co seu compromiso coa igualdade tras a constitución da Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e a aprobación do seu III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes, que busca a igualdade efectiva en eidos tan diversos como o político, o económico ou o sociocultural.

A campaña ‘En negro contra as violencias’, que foi presentada o pasado día 7 no Parlamento Europeo, naceu no ano 2015 co obxectivo de sensibilizar contra esa lacra e de implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva contra a violencia de xénero. A iniciativa, que tinguirá de loito o mapa galego, contempla ademais difundir materiais específicos a través dos distintos establecementos e axentes sociais para incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero.

Máis información en ennegrocontraasviolencias.gal.