09 Set Tomiño enche as pistas do Mosteiro de tenis e pádel para todas as idades O Concello abre o prazo de inscrición para participar esta tempada 2024-2025 na Escola de Tenis e Pádel de Tomiño
O deporte volve ser protagonista en Tomiño esta nova tempada. O Concello volve abrir as portas da Escola de Tenis, que este ano como novidade ofrecerá tamén clases de pádel, ampliando deste xeito o programa de propostas con actividades atractivas para todas as idades.
As clases serán impartidas por profesionais experimentados nas pistas municipais do Mosteiro, que guiarán tanto ás persoas que queiran iniciarse nestes dous deportes como a aquelas que desexen perfeccionar as súas habilidades. En caso de choiva as sesións trasladaranse a un espazo cuberto para garantir o bo desenvolvemento da actividade.
Todos aqueles tomiñeses e tomiñesas interesados en practicar estes deportes dous deportes atoparán na Escola de Tenis e Pádel horarios adaptados ás diferentes idades e pensados tamén para poder desfrutar de ambas actividades, sen que as clases se solapen. Deste xeito, as clases de tenis impartiranse para nenos e nenas os martes de 16:00 a 17:00 h e os sábados de 11:00 a 12:00 h, mentres que para persoas adultas serán os martes de 17:00 a 18:00 h e os sábados de 10:00 a 11:00 h. No caso das prácticas de pádel, a cativada poderá participar os venres de 16:00 a 17:00 h e os sábados de 10:00 a 11:00 h, mentres que as persoas adultas terán clase os venres de 17:00 a 18:00 h e os sábados de 11:00 a 12:00 horas.
O prezo das clases será de 20 euros ao mes por persoa por unha sesión semanal e de 35 euros por dúas clases á semana. As persoas interesadas poden xa inscribirse no formulario habilitado na web do Concello para nenos e nenas a partir de 4 anos e para persoas adultas sen límite de idade.
Para máis información pódese contactar co teléfono 680 124 239 ou por correo electrónico no enderezo escolatetenistomino@outlook.es.