Tomiño escolle a parroquia de Pinzás para renovar o tendido eléctrico en función de mellorar o servizo e reducir custes

O Concello cambiou 170 lámpadas de sodio a led en Pinzás e Vilachán do Monte, e cambiou o cableado ao longo de 1,5 km. en Cristelos, substituíndo todos os farois

 

O Concello de Tomiño escolleu Pinzás, a parroquia menos poboada de Tomiño (174 habitantes dun total de 13.900) para levar a cabo un proxecto piloto en materia de iluminación pública.

A Concellaría que dirixe Manuel Álvarez, procedeu nos últimos meses á substitución de 130 lámpadas na parroquia de Pinzás e 40 máis na veciña Vilachán do Monte.

O investimento realizado na parroquia, ascendeu a máis de 4.000 euros. A esta cantidade hai que sumar os 3.600 que custaron as novas luminarias (farois), e os 12.900 do cableado e novos postes de formigón, instalados tanto en Pinzás, coma noutras parroquias do municipio (Figueiró, Forcadela e Goián), cun total de 5 km.

 

Con esta experiencia, que significará un aforro enerxético de máis do 50% no consumo, a idea da concellaría é a de continuar facendo melloras nas demais parroquias tomiñesas.

 

A actuación forma parte do Plan de Eficiencia Enerxética, ao que se destinaron 30.000 euros no exercicio 2017. Neste sentido, o Concello de Tomiño leva traballando varios anos en accións de aforro enerxético e racionalización e mellora do servicio de iluminación pública, axustando os parámetros de contratación de enerxía dos máis de 100 subministros de alumeado público que pasan electricidade a máis de 7.000 puntos de luz.

 

Este plan de optimización enerxética permitirá un aforro do 9% na factura eléctrica do alumeado público, é dicir, sobre 25.000 € anuais. Este é un dato importante xa que no ano 2014 o Concello de Tomiño gastou 279.385€ en consumo enerxético, unha cifra importante incluída no orzamento municipal.

 

O Concello conseguiu conter o recibo do subministro eléctrico grazas ao plan de aforro enerxético no que se investiu nos últimos anos, e continuará analizando o gasto enerxético nas diferentes parroquias e edificios municipais, co fin de reducilo, optimizando o servicio.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou “a importancia de optimizar os gastos enerxéticos e de facer unha racionalización do consumo”.