Tomiño florece coa XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño nunha edición para enraizar futuro

Tomiño florece coa XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño nunha edición para enraizar futuro

Tomiño florece coa XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño nunha edición para enraizar futuro

A Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá do 8 ao 10 de maio o gran encontro do viveirismo galego cunha ampla programación e o paisaxista Íñigo Segurola como padriño

Cartel XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño 2026Un evento que consolida un sector e proxecta o territorio. A  Feira de Cultivos do Baixo Miño regresa a Tomiño para celebrar a súa XXI edición convertida nun dos grandes escaparates do sector do viveirismo galego cunha programación que durante tres días transformará Goián nun espazo de encontro, innovación e divulgación arredor da planta, a flor, a horta e os subministros.

Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e polo Concello de Tomiño, do 8 a 10 de maio a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá unha nova edición dun evento cheo de vida e cor, con expositores, charlas, obradoiros, concertos e actividades. Unha nova aposta por un formato ao aire libre xa consolidado que facilita o contacto directo entre profesionais, empresas e público xeral a través dunha programación ampla e dinámica pensada para seguir medrando en participación.

Nesta edición, o recoñecido paisaxista e divulgador Íñigo Segurola será o padriño da feira, achegando a súa experiencia e coñecemento nunha das charlas previstas no programa. Xunto a el tamén se incorporan voces como a da influencer Nuska Chousa, reforzando o carácter divulgativo, aberto e moderno do evento.

A alcaldesa, Sandra González, destaca o valor estratéxico desta feira para Tomiño e o orgullo que é “ver como este proxecto medrou ata converterse nun referente en Galicia. Son máis de dúas décadas apoiando un sector clave para o noso territorio e compartindo coa veciñanza unha feira que reflicte talento, innovación e futuro”. A rexedora subliña ademais que “esta edición é unha oportunidade para seguir fortalecendo o vínculo entre o sector produtivo e a veciñanza, poñendo en valor o traballo de tantas persoas que fan posible este crecemento”.

Pola súa banda, dende a directiva da Asociación de Cultivos do Baixo Miño ponse en valor a consolidación do formato. “A experiencia dos últimos anos demostra que sacar a feira á rúa foi un acerto para poder achegar o sector a un maior número de xente, facelo máis accesible e dinámico e seguir medrando en calidade e participación”.

Un dos grandes atractivos desta edición serán os obradoiros, que incrementan a súa oferta tras o éxito das edicións anteriores, converténdose nun espazo de aprendizaxe práctico e participativo que continúa medrando ano tras ano. Serán tres días nos que Goián volverá florecer como punto de encontro, demostrando que o futuro tamén se sementa desde o local e en comunidade.