Tomiño forma 15 auxiliares socio-sanitarios para ampliar o Servizo de Axuda no Fogar No curso, de 140h de duración, participaron tanto persoas desempregadas, como traballadoras en activo e familiares de dependentes

Onte recolleron o diploma os alumnos e alumnas do curso gratuíto de auxiliar socio-sanitaria/o, organizado co fin de mellorar o Servizo de Axuda no Fogar.

A alcaldesa, Sandra González, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, fixo entrega dos diplomas, tras ter o alumnado rematado o curso. Trátase dunha acción formativa, de balde e cun compromiso de contratación de polo menos o 40% dos participantes, denominado “O servizo de axuda no fogar e a excelencia profesional”, e organizado en colaboración coa empresa “Idades S.L.”, especializada na prestación de servizos de atención socio-sanitaria. Na acción formativa, de 140h de duración, participaron tanto persoas desempregadas, como traballadoras en activo e familiares de dependentes

Das 140 horas totais de formación, 100 adicáronse a prácticas, acompañando a un traballador/a con experiencia. As clases teórico-prácticas estiveron a cargo dunha traballadora social e docente experta en atención socio-sanitaria.

Tomiño tiña até o de agora máis de 30 auxiliares de axuda no fogar, aos que se suman os novos, para atender, entre todos, a máis dun centenar de persoas maiores, dependentes ou enfermas, distribuídas por todo o termo municipal.

Ademais, ante a previsión de que a Xunta de Galicia aumente 900 horas máis para usuarios/as con dependencia, co que a demanda de man de obra, será moito maior, o Concello de Tomiño promoveu a realización deste curso.