Tomiño forma a quince persoas para traballar coma auxiliares de axuda no fogar Cen horas de formación práctica e 40 de teórica, sirven para capacitar a 14 mulleres e 1 home, que queren converterse en profesionais do sector

Polivalencia e versatilidade, traballo colaborativo e  capacidade de negociación,  son algunhas das aptitudes requiridas para desenvolverse con éxito coma auxiliar de axuda no fogar. Pero tamén son necesarias actitudes coma a escoita activa, a asertividade, a empatía, o respecto, a sinceridade e a calma. Así o transmite Elvira Somoza, traballadora social, aos seus alumnos e alumnas do curso de atención socio sanitaria impartido en Goián, polo Concello de Tomiño e a empresa Idades S.L. de forma conxunta.

Cen horas de formación, 40 teóricas e 100 eminentemente prácticas, servirán para capacitar a 15 persoas de Tomiño (14 mulleres e 1 home) que queren traballar no eido da axuda no fogar, con familias ou persoas que necesitan un auxiliar e cumpren os requisitos do programa de asistencia social.

A través dunha metodoloxía con dinámicas de grupo, traballo colaborativo, visionado de vídeos, etc., o alumnado pode coñecer mellor as situacións ás que pode enfrontarse nos domicilios. Neste sentido, “as instalacións das que dispón o Concello de Tomiño para a impartición da formación son moi favorecedoras, pois cada persoa pode dispor dun ordenador con acceso a internet, o que me axuda en moitos exercicios que propoño”, explica a monitora. Ela cre, ademais, que para calquera empresa do sector, coma a que leva o Servizo de Axuda no Fogar en Tomiño (Idades S.L.) é moi importante poder contar co apoio dun Concello na posta en marcha de proxectos de formación, “pois non só mellora a competitividade dos profesionais, senón tamén a percepción de calidade do servizo, que teñen as persoas usuarias”.

“A miña  experiencia profesional na coordinación de programas de SAF axúdame, pero tamén o fan as 5 alumnas que xa traballan no SAF de Tomiño, xa que achegan as súas experiencias e as súas vivencias, e destas tamén se aprende, e moito”, engade Elvira Somoza, e ao mesmo tempo indica que a selección do alumnado foi moi importante, xa que “todas as persoas están motivadas para a aprendizaxe, son moi participativas e saben captar o que é esencial para este traballo: a comunicación, fundamento e base de calquera relación persoal e social exitosa”.

Entre esas persoas, cunha media de idade de 40 anos, está Nélida Alonso (51), que cansada de traballar en hostalaría durante dúas décadas, comezou a atender a persoas maiores ou dependentes , unha ocupación que lle cambiou a vida. “Son moi agradecidos, ilumínanselle os ollos cando te ven, aínda que as veces non podes facer máis”, comenta.

Coma todos, está encantada coa profesora e pide xa un curso do nivel seguinte, para seguir aprendendo. Apóiana Andrea Costa (32), que vén do campo da automoción en Portugal, ou Ismael González (48), ex-camareiro e operario de automoción durante 20 anos, traballo que abandonou para buscar algo que lle enchera máis, e atopouno agora na axuda no fogar.