20 Set Tomiño homenaxea aos “Teixugos” pola súa labor e logros no Campionato Galego de Slálom
O Concello recoñece o traballo e esforzo de todos os piragüistas do Club Deportivo Miño, a través do seu presidente, Pablo Pousa, e dos actuais campións galegos de Slálom
O Concello de Tomiño recoñeceu este mediodía a labor do Club Deportivo Miño “Os Teixugos”, cunha homenaxe pública presidida pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Deportes, Cristina Martínez.
Ambas as dúas felicitaron ao club pola súa intensa labor, salientando a importancia de visibilizar o traballo que se fai no deporte de competición e tamén no de base.
En primeiro lugar, o presidente do club, Pablo Pousa, recibiu en nome de todo o grupo unha placa conmemorativa, polo traballo que este vén realizando dende a fundación do club, no ano 1998, contando na actualidade con máis de 40 nenos e nenas repartidos en todas as categorías da modalidade do Slálom.
Seguidamente, recibiron sendas placas conmemorativas os rapaces e rapazas que se consagraron campións no Campionato Galego de Slálom Olímpico, celebrado hai uns días en Arbo: Sara Vázquez en C1 muller sénior, Laura Alonso en K1 muller sénior, Andrea González en K1 muller júnior, Manuel Ochoa en K1 home cadete e Brais Castro, en C1 home cadete.
Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño Teixugos acadou o primeiro posto.
No acto tamén recibiron unha distinción os tres campións do Campionato Galego de Promoción de Slálom (nenos e nenas de 8 a 14 anos), celebrado no mes de agosto en Ribadumia: Ainhoa Barreiro, en K1 Muller Benxamín; Ariadna Pereira, en K1 Muller Alevín, e Sergio Martínez, en K1 Home Benxamín.