Tomiño honra a Rosalía cunha serie de actos e actividades conmemorativas O músico Diego Alonso Vila, con gaita de barquín típica do Baixo Miño, interpretou este mediodía a Alborada para Rosalía de Castro

O Concello de Tomiño celebra o 23 de febreiro o Día de Rosalía de Castro, despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira aportara o pasado ano nova documentación que acredita o nacemento real da escritora nese día e non o 24.

Sumándose á Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as que organizaron hoxe a Alborada para Rosalía de Castro, o Concello convidou aos músicos locais á Praza do Seixo este mediodía. O músico Diego Alonso Vila, con gaita de barquín típica do Baixo Miño (feita por el mesmo), réplica da de Manuel Pousa Iglesias (coñecido como “o Lelo de Estás”) interpretou a peza.

Ademais, para conmemorar a data, dende o Concello difundiuse nas redes sociais e na web municipal (tomino.gal) un vídeo realizado polo grupo de voluntariado, coa lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, escrito por Beatriz Maceda Abeleira con citas das escritoras Xohana Torres, Luisa Villalta, Xela Arias e María Xosé Queizán. No traballo audiovisual a moza tomiñesa Lara Villaverde interpreta a canción “Negra Sombra” e ademais se comparten deseños sobre Rosalía feitos por mocidade tomiñesa.

Así mesmo, entre os días 23 ata o 26 de febreiro, están á venda na librería Novidades, a única do municipio, 23 libros escritos por Rosalía ou sobre ela, cun 50% de desconto.

Por outra banda, un ano máis, o Concello, mecenas da Casa de Rosalía de Castro, recibiu 1000 exemplares dos manteis de “Caldo de Gloria”, que son repartidos entre todo o alumnado de todos os centros educativos do municipio coa pertinente información, para animar ás familias e aos comedores escolares a que elaboren o caldo.

A iniciativa está inspirada no poema “Miña Casiña, meu lar” onde a poeta explica como facer un caldo humilde e no que relata a épica diaria da supervivencia.