Tomiño implanta un sistema que permite ter actualizada a información da iluminación pública, xestionar as incidencias en tempo real e reducir o gasto A pesar de todas as medidas tomadas polo goberno municipal para facer fronte á subida dos prezos da enerxía eléctrica na actualidade, no último pleno ordinario foi preciso aprobar un crédito extraordinario de case 300.000 euros

O Concello de Tomiño comezou a implantación dun sistema de xestión enerxética coa finalidade, en primeiro lugar, de ter un control e monitorización do seu consumo enerxético para posteriormente adoptar unha serie de medidas co fin de mellorar a eficiencia enerxética e reducir o gasto enerxético municipal.

As liñas principais da xestión enerxética realizada foron as seguintes: inventario e auditoría de todas as instalacións consumidoras de enerxía eléctrica; implantación dun software de xestión enerxética municipal; revisión e optimización de tarifas e potencias e licitación en aberto da subministración de electricidade.

 Ademais, nos últimos anos, implantouse un software de xestión enerxética onde se migran mensualmente todos os datos relacionados coa facturación de enerxía eléctrica e onde se calculan en tempos reais indicadores da evolución do consumo municipal.

Aproveitando que se deixou actualizada e dixitalizada toda a información relativa á iluminación pública, implantouse un sistema que permite ademais xestionar as incidencias e avarías da iluminación en todo o concello.

A pesar de todas as medidas tomadas polo goberno municipal para facer fronte á subida dos prezos da enerxía eléctrica na actualidade, no último pleno ordinario foi preciso aprobar un crédito extraordinario de case 300.000 euros, financiado con remanente líquido de Tesourería para gastos xerais, co fin de conter o inusual aumento do gasto.

Outras actuacións

Por outra banda, procedeuse a instalar sistemas de iluminación fotovoltaica nalgúns edificios municipais, tramitándose subvencións do INEGA (Axencia Instituto Enerxético de Galicia), as cales foron aprobadas, para instalar plantas fotovoltaicas de autoconsumo que exemplifican ante a cidadanía os valores da boa xestión dos recursos municipais e da protección e conservación do medio ambiente, sobre todo, tendo en conta que Tomiño forma parte dunha comarca con gran riqueza ambiental e moi ligada o sector primario. Deste xeito, instaláronse xa 122 paneis solares en seis edificios municipais que permitirán aforrar máis de 20.000 euros ao ano e evitarán emisións de máis de 22 toneladas de CO2 á atmosfera.

Así mesmo, estase xestionando, por un lado, a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos, valorada en 104.000,00 euros (unha non Seixo e outra en Goián) e, por outra, novas subvencións do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético)para continuar instalando tecnoloxía led.

Finalmente, o Concello foi un dos primeiros en adherirse ao chamado Pacto das Alcaldías, proxecto europeo que consiste en comprometerse a tomar unha serie de medidas para alcanzar no ano 2030 o obxectivo de reducir un 40% as emisións de CO2.