Tomiño impulsa a segunda fase do proxecto “Más Goián” de reestruturación dos espazos públicos A recuperación da Carballeira e da Alameda coma espazos públicos, e a mellora da conectividade entre o campo de fútbol, o pavillón, o auditorio, a escola de música, e o núcleo urbano da parroquia, son algunhas das características da actuación

O Concello de Tomiño vén de emprender a fase 2 do proxecto de reestruturación e mellora dos espazos públicos “Máis Goián”.

As obras supoñen a recuperación da Carballeira e da Alameda coma espazos públicos, e a mellora da conectividade entre o campo de fútbol, o pavillón, o auditorio, a escola de música, e o núcleo urbano da parroquia, e teñen varias fases de actuación: Fase I (xa rematada) e Fase II, incluidas no Plan Concellos 2017 e 2018/2019 da Deputación de Pontevedra, con 187.401,57€ e 430.000,00€, respectivamente).

O proxecto “Máis Goián” é un proxecto para o que xa se dispón de 1,4 millóns de euros, e que pretende gañar espazos para as persoas, convertendo a Praza da Igrexa no eixo dun espazo público e peonil para o goce da veciñanza, recuperando a Carballeira e a Alameda para uso público, e multiplicando por tres os espazos verdes da segunda parroquia de Tomiño, con máis de 2.000 habitantes”, explica o concelleiro de Planificación Estratéxica e Acción Urbana, Uxío Benítez.

O proxecto contempla tamén a creación de 200 novas prazas de estacionamento repartidas en dous aparcadoiros públicos, incidindo especialmente na seguridade vial, poñendo en marcha zonas de velocidade limitada a 30 km/h, e modificando a zona de entrada ao colexio Pintor Antonio Fernández, para facilitar o estacionamento do bus escolar e garantir a accesibilidade e seguridade do alumnado.

O proxecto supuxo a habilitación da zona coñecida coma A Carballeira (un bosque de frondosas duns 7.000 m2 que pertencía á Casa Reitoral até que o Concello logrou adquirilo), pechando o muro da parcela da Casa Reitoral e creando dous accesos peonís co fin de conectar a Alameda e equipamentos da contorna (auditorio, escola de música, campo de fútbol e o pavillón polideportivo), co centro da vila. Asemade, ampliarase o recinto escolar do CEIP Antonio Fernández, que disporá dun terreo pechado de 4.000 metros cadrados, e crearase unha nova zona deportiva.

O Concello de Tomiño xa ten máis de 1,4 millóns de euros para levar a cabo algunhas das actuacións deste proxecto integral de reordenación. Unha das partes deste proxecto está constituida pola actuación da Reconfiguración  de espazos públicos e usos do núcleo de Goián, que conta cun orzamento de case un millón de euros, o 80% financiados con fondos do IDAE (634.810,28€), mediante a convocatoria de subvencións para  “Proyectos de entidades locales que favorezcan el paso a una economía baja en carbono (FEDER-POPE 2014-2020)”.”