Tomiño inaugura o mural de Gemma Marqués no Campo de fútbol do Alivio coma homenaxe á veciña máis lonxeva da vila O domingo 8 de marzo, no Mercado Municipal, realizarase unha concentración con música e poesía, e lerase un manifesto

O Concello de Tomiño celebra, coma cada ano, o Día Internacional da Muller (8 de marzo), cunha serie de actos. Estes comezaron hoxe venres coa inauguración dun mural no exterior do Campo de fútbol do Alivio, obra da artista guardesa Gemma Marqués sobre unha imaxe de Sara Rodríguez Salvador “Sara da Pisca” *, tomada pola fotógrafa Pily Reñones. O acto tivo lugar ao pé do mural ás 13.30 horas, coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, as dúas artistas implicadas no proxecto, concelleiros e usuarios do Centro de Día.

Tanto a autora do mural, licenciada en Belas Artes e veciña da Guarda, coma a fotógrafa Pily Reñones, tomiñesa e distinguida con varios premios de fotografía nacionais e internacionais, amosáronse contentas co resultado final da obra.

Sara Rodríguez Salvador, retratada no mural, é a veciña tomiñesa de maior idade e pertence a familia “dos piscos”; alcume que vén duns bois pequenos que tiña a súa familia.

Afeccionada ao fútbol, ía até os 90 anos ou máis, a ver o Tomiño FC. O Concello quere facer un pequeno homenaxe en agradecemento a Sara, un muller que, desafiando as  normas que relegan á muller ao espazo privado e as apartan de aqueles eidos tradicionalmente masculinos, acudía a o campo de fútbol do seu equipo, o Tomiño FC , como a afeccionada incondicional.

A creación deste mural está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género.

O día 7, sábado, ás 22.00h, haberá teatro no Auditorio de Goián. “1879. Casa de Bonecas”, a innovadora proposta dos actores galegos Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, que revisa o clásico do autor Henrik Ibsen, chegará a Tomiño en conmemoración do Día da Muller. A compañía Estudo Momento traerá unha adaptación do clásico do dramaturgo noruegués, predecesor dos movementos feministas. Nesta versión, Iria e Mejuto, dan vida ao matrimonio Helmer, nunha proposta na que os actores realizan unha disección do matrimonio, das relacións de autoridade e da liberdade.

O domingo 8 de marzo ás 12 do mediodía terá lugar unha concentración no Mercado Municipal, com música, poemas e lectura dun Manifesto.

Por último, o día venres 27 de marzo, a Oficina Municipal de Igualdade, organiza unha charla-coloquio de Rosa Cobo Bedía, baixo o título ” A cuarta ola feminista e a violencia sexual”. A autora realizará un percorrido pola historia do feminismo ata chegar á gran vindicación desta chamada Cuarta ola; falando da violencia sexual como mecanismo de control que impide ás mulleres a apropiación igualitaria do espazo público e acadar a súa autonomía e liberdade, así como a análise crítica de prácticas historicamente naturalizadas , como a prostitución. Será ás 19.00h no Salón de Plenos do Concello.