Tomiño incorpora un segundo vehículo cero emisións ao servizo de compostaxe municipal

Tomiño incorpora un segundo vehículo cero emisións ao servizo de compostaxe municipal A adquisición deste novo vehículo supón un fito máis no compromiso do Concello de reducir a súa pegada de carbono

Tomiño da un paso máis cara a sostibilidade ao adquirir un segundo vehículo con distintivo ambiental cero emisións de CO2 para o servizo do persoal encargado da Implantación e xeralización da Compostaxe.

A adquisición foi posible grazas a unha subvención en concorrencia competitiva a entidades locais do Fondo de Compensación Ambiental, por importe de 27.375,00 euros (75%), achegando o resto da inversión o propio Concello.

Trátase concretamente dunha furgoneta 100% eléctrica cun tempo máximo de recarga de 8 horas (punto de carga nave municipal), con opción de carga rápida en 2 horas. Ten un espazo de carga 5 m3, con una carga útil de más de 1.000 kg. Asemade, o novo vehículo ten unha autonomía de 330 Km., sensor de aparcamento, cámara de visión traseira e pantalla multimedia táctil.

Esta furgoneta utilizarase para tarefas de mantemento dos 16 centros de compostaxe comunitaria, distribuídos nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián. Ademais estanse a repartir os últimos composteiros individuais dos 3.000 adquiridos para o seu reparto entre a veciñanza e entidades das parroquias, os cales tamén requiren de visitas de asesoramento, por parte do persoal técnico municipal. Todo isto, tendo en conta que Tomiño ten actualmente case 14.000 habitantes asentados nun territorio de 106 KM2 en 15 parroquias, de maneira moi dispersa.

Todos eses centros de compostaxe comunitaria, os composteiros individuais, así como os puntos verdes habilitados nas parroquias onde deixar os restos de podas leñosas, precisan para o seu adecuado funcionamento do traballo de mantemento de persoal municipal, xa sexa para recoller material como para deixar ou comprobar o estado do material estruturante, presente en Puntos Verdes e Centros de Compostaxe Comunitaria. Polo que este vehículo, complementará o traballo que se leva a cabo co Camión, adquirido ó abeiro do Revitaliza, de transporte do material dos puntos verdes.

Este novo vehículo para o servizo de compostaxe é un fito máis dentro do compromiso destes últimos anos por parte do Concello para ir reducindo pouco a pouco nos distintos ámbitos de competencia municipal o uso de enerxías fósiles e contaminantes.

Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro , “este segundo vehículo contribuirá non só a mellorar o servizo que están a levar a cabo tanto os técnicos encargados da xestión e mantemento dos centros de compostaxe comunitaria, o equipo de recollida de biomasa nos puntos verdes, senón que suporá, ao mesmo, un paso máis cara a protección do Medio ao reduciren ao mínimo a emisión de contaminantes ao noso ar”.

Dende a concellería de Medio Ambiente valoran moi positivamente estas axudas, xa que suman nos plans que dende o municipio están desenvolvendo, como o plan de acción polo clima e a enerxía, o plan local de implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a xeralización da compostaxe (https://revitaliza.tomino.gal/).