O Concello instalou 230 detectores de fume domésticos en domicilios de persoas maiores e dependentes

Tomiño instalou preto de 230 detectores de fume domésticos en domicilios de persoas maiores e dependentes O Concello pon a disposición de toda a veciñanza estes sensores, que serán entregados de forma gratuíta no departamento de Benestar Social

O Concello de Tomiño vén de rematar a colocación de 226 detectores de fume en domicilios de persoas maiores ou dependentes usuarias dos servizos de Axuda no Fogar ou Teleasistencia. Unha iniciativa a través da que persoal municipal encargouse de instalar estes sensores en 82 vivendas de case todas as parroquias de Tomiño de xeito gratuíto e que busca garantir a seguridade dos beneficiarios e beneficiarias sen que lles conleve un gasto a maiores.

Ao longo dos últimos meses, operarios municipais visitaron casa por casa para entregar e poñer en marcha estes detectores e para realizar unha labor de concienciación dirixida a persoas maiores que viven soas ou están en situación de dependencia, explicándolles todo o necesario sobre o funcionamento e o mantemento do dispositivo.

Estes sensores foron achegados polo Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, enmarcado no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza ARIEM 112 no que participan Xunta e Deputación de Pontevedra e que trata de poñer solucións a problemas habituais nos domicilios de persoas maiores de 65 anos, que viven soas ou dependentes. As últimas estatísticas indican que o 75% das vítimas producidas en vivendas son menores de 5 anos ou anciáns maiores de 65, polo que con esta iniciativa búscase “dar todas as ferramentas posibles á cidadanía para tentar garantir a súa seguridade. E un detector de fume instalado no fogar do xeito adecuado dobra as posibilidades de saír con vida dun incendio”, salienta a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.

Pide un destes dispositivos no Concello

Unha vez rematada a colocación destes sensores nos domicilios de persoas usuarias dos servizos de Axuda no Fogar e Teleasistencia, o Concello de Tomiño pon a disposición de toda a cidadanía estes dispositivos. Toda aquela persoa interesada en instalar un destes detectores de fume na súa vivenda pode dirixirse ao departamento de Benestar, no edificio de Servizos Sociais e solicitar un de xeito gratuíto. O Concello facilitará estes dispositivos, aínda que a colocación correrá a cargo de cada solicitante.



X