Tomiño intensifica os traballos de limpeza de camiños para mellorar os espazos públicos

Tomiño intensifica os traballos de limpeza de camiños para mellorar os espazos públicos

Tomiño intensifica os traballos de limpeza de camiños para mellorar os espazos públicos

O Concello reforza con 3 tractores e 5 equipos manuais os traballos en camiños, sendas e xardíns municipais 

Tras a celebración dos consellos parroquiais, este ano colaboran na limpeza varias comunidades de montes, o que permite unha maior axilidade

Tomiño intensifica a limpeza e mantemento dos seus espazos públicos para garantir unhas vías e contornas máis seguras e acolledoras. O Concello conta actualmente con tres tractores que operan en quendas de mañá e tarde, así como con cinco equipos de traballo especializados na limpeza manual de camiños, sendas e xardíns do municipio. Ademais, están en marcha limpezas de cunetas coa retroescavadora, asegurando unha atención integral ás infraestruturas rurais.

Unha das novidades deste ano é a colaboración con varias comunidades de montes, un compromiso froito dos consellos parroquiais celebrados recentemente e que permite responder con maior axilidade e eficacia ás demandas de limpeza e mantemento de todo o municipio.

A alcaldesa, Sandra González, sinala que “este traballo conxunto é fundamental para reforzar o compromiso coa conservación do noso entorno e para facer máis eficientes os servizos municipais. A implicación das comunidades de montes e a participación cidadá son un exemplo de como podemos avanzar xuntos”.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez, lembra á veciñanza a importancia de manter limpo o fronte das súas parcelas, destacando que “o coidado individual complementa e multiplica os esforzos do Concello, contribuíndo a que Tomiño sexa un municipio máis limpo, seguro e agradable para todas e todos”.

Con estas medidas, o Concello de Tomiño reafirma a súa aposta pola mellora continua da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, garantindo un espazo público ben coidado e accesible.