Tomiño investirá case un millón de euros en obras de asfaltado de camiños, saneamento e acondicionamento de edificios municipais Entre as intervencións máis relevantes figuran as que se farán dentro do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2021, por un importe de 350.000€ e do Plan Municipal de Saneamento (100.000€)

O goberno local de Tomiño levou onte a pleno un expediente de modificación de créditos de case un millón de euros (999.524,88€) financiados con fondos propios (Remanente Líquido de Tesourería para Gastos).

A través dunha proposta da Alcaldía, o goberno propuxo para a súa aprobación na sesión ordinaria de pleno que tivo lugar onte á tarde, unha serie de obras que se levarán a cabo con cargo ao citado remanente de tesourería. Entre as intervencións máis relevantes figuran as que se farán dentro do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2021, por un importe de 350.000€; o Plan Municipal de Saneamento (100.000€) e a parte financiada polo Concello para a construción do camiño escolar do CEP Pedro Caselles e arredores (85.870,52€), establecida nun convenio coa Deputación de Pontevedra.

Así mesmo, son salientables outros investimentos que se levarán a cabo con cargo a estes fondos, coma a construción dunha marquesina da entrada e remate do peche do CEIP Pintor Antonio Fernández (69.000€); acondicionamento do mercado municipal de Goián como centro de creatividade e emprendemento; muros en diversas estradas de Tebra (45.000€); acondicionamento da contorna do Centro Social de Estás (40.000€); acondicionamento dos vestiarios do Campo de Fútbol do Alivio (25.000€); acondicionamento de bens culturais e etnográficos (25.000€); Plan Municipal de Melloras nos Colexios (20.000€); acondicionamento de espazos públicos (20.000€) e sinalización horizontal e seguranza viaria (20.000€), entre outros.

O concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez foi explicando as diferentes actuacións que se realizarán con cargo a este expediente de modificación de créditos, coma o asfaltado de camiños e obras de saneamento en diversas parroquias; ou a rehabilitación de muros de elevado coste que se atopan en moi  mal estado.

Respecto do acondicionamento do edificio do mercado de Goián, explicou que na actualidade está a reformarse a estrutura do mesmo cunha subvención do IDAE (Instituto de Diversificación y Ahorro Energético). “A cantidade consignada nesta modificación servirá para acondicionar  un espazo nas instalacións para a realización de proxectos por parte de empresas e autónomos que se instalarán de forma temporal, algo semellante á aula de estudo creada na Casa da Cultura, ou a un centro de interpretación”, precisou.

A proposta da Alcaldía foi aprobada cos votos do BNG e PSdG-PSOE, absténdose o PP.