Tomiño investirá máis de 4 millóns de euros na execución de obras no municipio durante 2019 O orzamento do Concello para o vindeiro ano ascenderá a máis de 7,3 millóns de euros, a cifra máis alta de toda a historia da vila

O Concello de Tomiño xa ten listos os seus orzamentos para 2019. O goberno local aprobará en pleno este xoves 27 de decembro (20.30 h) os seus presupostos para o vindeiro ano, que ascenderán a un total de 7,3 millóns de euros, a cifra máis alta de toda a historia do municipio tomiñés. Trátase dun plan de investimentos moi ambicioso que contempla execución de obras por todo o municipio por valor de máis de 4 millóns de euros. “Investimos en obras máis que nunca e para poder facelo levamos traballando todo o ano buscando o financiamento necesario a nivel rexional, estatal e mesmo europeo”, salienta o concelleiro de Facenda, Uxío Benítez.

Dentro destes orzamentos destacan os 670.000 euros destinados á mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo, coa que se procura transformar o núcleo do Seixo nun espazo público pensado para as persoas e no que a mobilidade peonil e sustentable sexa prioritaria, xerando maior calidade de vida urbana. Asemade, tamén se levarán a cabo importantes obras no otro núcleo urbano do municipio, como a reconfiguración de espazos públicos e usos no núcleo urbano de Goian, para o que se destinarán case 800.000 euros; a  ampliación e mellora da accesibilidade na Alameda de Goián, no que se investirán máis de 600.000 euros en distintas partidas; ou a rehabilitación enerxética da escola obradoiro de Goián, cun presuposto de máis de 177.000 euros.

A maiores, o vindeiro ano executaranse numerosas obras noutras parroquias do municipio e realizaranse traballos de mellora dos camiños da localidade. Así, destinaranse 440.000 euros para o acondicionamento da contorna da praza de Figueiró; 350.000 euros para a  mellora nas instalacións do campo de fútbol do Alivio; case 220.000 euros para  a mellora da seguranza viaria na estrada de Estás; outros 180.000 euros para o acondicionamento da contorna da igrexa de San Xoán de Amorín; ou case 160.000 euros para a ampliación e mellora da estrada de Cristelos.

Ademais dos fondos propios que o Concello de Tomiño achegará para as obras que se executarán en 2019, parte dos traballos realizaranse grazas á consecución de proxectos financiados co Plan Concellos e co Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra, destinados a investimentos e a cubrir necesidades en materias de infraestruturas viarias, e a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Orzamentos para a cidadanía

Xunto coas obras previstas, que mellorarán a calidade de vida da veciñanza, o Concello de Tomiño tamén aposta nestes orzamentos por outros eixos de investimento, como a educación, a cultura, o medioambiente ou a cooperación transfronteiriza, entre outros. Así, o goberno local continúa a aportar pola educación como eixo estratéxico, polo que os orzamentos para 2019 ten reservada unha partida de 60.000 euros para o Plan da Mellora dos Colexios do municipio, que inclúe programas tan destacados como o ‘É Aprender’, actividades extraescolares gratuítas para o alumnado, o apoio psicolóxico a menores do concello ou axudas a principios de curso para a compra de material escolar, entre outros.

Por outra banda, os presupostos tamén inclúen unha partida para o Plan de Compostaxe, destinada a acompañar as iniciativas de compostaxe colectivo promovidas pola Deputación de Pontevedra e que inclúen puntos de compostaxe comunitarios nos núcleos urbanos do Seixo e Goián e a presenza de dous mestres composteiros. O obxectivo principal deste proxecto é reducir a factura de Sogama ligada ao lixo do contedor verde. Nestes orzamentos tamén se inclúen os fondos conseguidos a través do programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea, para o desenvolvemento da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Tomiño-Cervera 2014-2030.

Un ano máis Tomiño aproba en tempo e forma os seus orzamentos municipais “síntoma da estabilidade política coa que se está a desenvolver o goberno municipal e garante do correcto e funcionamento ordinario do Concello, que non queda interrompido en ningún momento”, recorda a alcaldesa de Tomillo, Sandra González.