Tomiño investirá máis dun millón de euros na praza da igrexa de Santa María de Tebra

Tomiño investirá máis dun millón de euros na praza da igrexa de Santa María de Tebra

Tomiño investirá máis dun millón de euros na praza da igrexa de Santa María de Tebra

O proxecto actuará sobre máis de 2.300 m2 con actuacións singulares poñendo en valor o patrimonio da igrexa románica, do Tetón e da Torre de Tebra

Levarase a cabo a rehabilitación da Casa do Teodosio, o cruceiro de Tebra ou a contorna do cemiterio, así como a adecuación dun espazo para aparcadoiro

Mellorarase a estrada de entrada á parroquia creando unha infraestrutura de mobilidade peonil co centro social, os equipamentos educativos e outros servizos comunitarios

Transformar un dos enclaves máis simbólicos de Tebra nun espazo seguro, accesible e pensado para as persoas. Ese é o reto que o Concello de Tomiño levará a cabo coa próxima recuperación integral da contorna da igrexa románica de Santa María de Tebra, unha intervención que superará o millón de euros de investimento e que marcará un antes e un despois na vida comunitaria da parroquia.

O Concello deu xa o primeiro paso coa adquisición, por 140.000 euros, dunha parcela estratéxica de 2.300 metros cadrados situada fronte á fachada do templo. A nova praza permitirá crear un espazo de encontro para veciños e visitantes ademais de realzar o seu excepcional valor patrimonial.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que esta actuación responde a unha demanda histórica da veciñanza e unha aposta estratéxica do Concello “por seguir recuperando espazos públicos para as persoas. A praza fronte á igrexa será un lugar vivo, un punto de encontro para toda a parroquia e unha oportunidade para poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural”. A rexedora explicou tamén que o proxecto non só mellorará a estética e a funcionalidade da contorna, senón que terá impacto directo na calidade de vida da veciñanza “ao crear un núcleo de centralidade en Tebra, un espazo seguro e accesible onde convivir, camiñar e participar. É unha aposta polo patrimonio, pola mobilidade e polo futuro da parroquia”.

Un proxecto que conecta patrimonio, vida social e mobilidade segura

O Concello elaborou o proxecto ‘Recuperación do espazo público para as persoas na contorna da Igrexa de Santa María de Tebra’ tras un proceso participativo co tecido veciñal e asociativo que incorpora unha visión global da parroquia e que deu como resultado das súas demandas este proxecto tan ambicioso.

Entre as actuacións previstas inclúense a creación dunha praza pública aberta e multifuncional na que se integrará en porá en valor o patrimonio como a propia igrexa, unha xoia románica do século XII que conta cunha das poucas torres do campanario viradas de toda Europa. Tamén se porán en valor o Tetón ou outros elementos naturais existentes e se incluirá a rehabilitación da Casa do Teodosio, do cruceiro de Tebra ou da contorna do cemiterio.

O proxecto inclúe tamén adecuación dun espazo para aparcadoiro e o estudo de renovación de infraestruturas como alumeado público pero tamén daquelas que non se ven, como o saneamento ou o soterramento de telecomunicacións. Xunto a isto, o Concello actuará na mellora da estrada de acceso á parroquia, creando unha infraestrutura peonil accesible e segura que conectará a nova praza co centro social, o colexio e os equipamentos culturais, facilitando a mobilidade do día a día.

Un novo corazón para Tebra

O conxunto da intervención permitirá cohesionar os espazos históricos e culturais da parroquia e crear un nodo de vida comunitaria, capaz de acoller desde actividades relixiosas ata encontros veciñais, celebracións, propostas culturais e iniciativas económicas locais.

Con este proxecto, Tomiño reafirma o seu compromiso coa recuperación de espazos públicos de calidade nas parroquias, coa protección do patrimonio e cun modelo de mobilidade sostible e accesible para todos os públicos replicando o modelo de éxito que o Concello fixo nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián. “Tebra merece un espazo á altura da súa identidade, da súa historia e da súa veciñanza, e ese é o camiño que estamos a construír xuntos”, concluíu a alcaldesa.