Tomiño investiu máis de 100.000 euros en melloras e mantemento nos centros escolares este verán

Tomiño investiu máis de 100.000 euros en melloras e mantemento nos centros escolares este verán Entre as reformas de maior envergadura destaca a habilitación do comedor no CEIP de Tebra

Os centros escolares de Tomiño estrean volta ao cole con instalacións renovadas. O Concello investiu máis de 100.000 euros na mellora, reforma e mantemento dos centros educativos de Infantil e Primaria do municipio que, como é habitual, realizáronse durante os meses de verán para non interromper a actividade lectiva.

Unhas obras xestionadas de maneira coordinada pola concelleira de Educación, Cristina Martínez, e o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, que dan resposta ás necesidades detectadas nos diferentes colexios e trasladadas dende as direccións. O obxectivo é “camiñar cara a unhas aulas e centros escolares enerxeticamente máis sostibles, modernos e confortables para todo o alumnado”.

Nesta ocasión, un dos traballos de maior relevancia realizouse no CEIP Plurilingüe de Tebra, no que se instalou un comedor escolar que dará servizo a arredor de 25 nenos e nenas. Era o único centro que carecía destas instalacións que “favorecerán unha maior conciliación laboral e familiar a nais e pais”. Ademais, as obras neste colexio incluíron o arranxo do patio exterior e o cambio de luminarias a LED para un maior aforro enerxético.

Tomiño investiu máis de 100.000 euros en melloras e mantemento nos centros escolares este verán

O CEIP de Barrantes foi un dos centros nos que se realizaron obras de maior envergadura, xa que se renovou o patio infantil de xogos e fíxose unha importante reforma de fontanaría para solucionar problemas de falta de presión nos baños.

Relevante tamén foron as obras no CEIP Pintor Antonio Fernández, no que se implementaron módulos de armarios de almacenaxe, pintouse e colocouse tarima na aula África González, mellorouse a conectividades, entre outras melloras. Pola súa banda, no CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán pintáronse as aulas de 2º ciclo e colocouse un areeiro con entarimado.

Mentres, no CEIP de Sobrada fíxose unha mellora xeral das instalacións coa reparación e pintado de varandas exteriores, da entrada, do comedor, do tellado ou do peche exterior, entre outras actuacións. Nas Galiñas Azuistamén se levaron a cabo melloras como arranxos de carpintería na escola de Goián ou a reforma do baño e o cambio de porta na aula de bebés e a pintura do chan da entrada na de Tomiño.

Por outro lado, o Concello tamén realizou un amplo traballo de mellora e mantemento nas unitarias do CRA Manuel Mestre Garcés. Así, en Amorín cambiouse o chan de cemento da entrada por tarima flotante, pintouse o edificio e arranxouse o baño e o almacén exterior. Nas tres unidades do Seixo leváronse a cabo “importantes traballos de todo o que non se ve”, como a renovación da instalación eléctrica e o cambio a luminarias LED, o único centro no que faltaba esta actualización para pasar a inspección correspondente. Tamén se realizaron retoques de pintura e melloráronse os peches das fiestras. Na escola da Aurora leváronse a cabo diferentes traballos de mellora do interior, como o pintado de aulas ou cambio de tarima flotante e do baño infantil. No resto dos centros do CRA, ademais da revisión eléctrica e da fontanaría, tamén se realizaron pequenas melloras.

En todos estes centros revisáronse as instalacións de electricidade, fontanería e carpintería; limpáronse e desbrozáronse patios, hortas e areeiros e limpáronse canlóns e cubertas.