Tomiño leva a pleno a cesión do auditorio de Goián para consolidar oficialmente a Escola de Música Trátase dunha cesión de uso gratuíta de varias salas; un trámite necesario para poder inscribir a entidade no rexistro xeral da Xunta de Galicia

O Concello de Tomiño levará a pleno a vindeira semana a cesión de uso gratuíta das instalacións do auditorio de Goián á Asociación Sociocultural de Goián, entidade promotora da Escola de Música.

A finalidade desta cesión é a de dotar á devandita asociación dunhas instalacións cunhas características espaciais e funcionais adecuadas para poder converterse oficialmente en escola de música.

Deste xeito, a Asociación Sociocultural de Goián disporá, con carácter exclusivo, dunha sala de ensaio e dunha oficina, tendo ademais un uso prioritario do resto de aulas, que serán compartidas coa Escola Municipal de Teatro e outras asociacións municipais que as precisen para desenvolver as súas actividades sociais ou culturais.

A Escola de Música e a Agrupación Musical de Goián tamén poderán empregar o escenario do auditorio, previa solicitude ao Concello e en función da dispoñibilidade do mesmo.

A Asociación Sociocultural de Goián comprométese a facer un uso responsable dos equipamentos cedidos e a comunicar calquera desperfecto ou incidencia que puidera producirse. A duración deste compromiso de cesión gratuíta de uso será de 10 anos.

A Agrupación Musical de Goián conta cunha escola de música formada por unhas 140 alumnas e alumnos, así coma cunha banda infantil e outra xuvenil.

Dende hai varios anos as clases desenvólvense no auditorio de Goián que o Concello reformou co fin de adaptar as instalacións para escola de música, coa creación de varias aulas e a reestruturación de espazos específicos. Na actualidade a partir dos tres anos é posible asistir á escola, dirixida polo profesor Pedro Villarroel e que conta coas seguintes seccións: xardín musical, música en movemento, linguaxe musical, música para adultos, corda, percusión, vento madeira, vento metal e bandas infantil e xuvenil.