Tomiño leva a pleno antes que remate o ano unhas Contas de 8.130.000 euros O equipo de goberno destinará un millón de euros á construción da futura biblioteca municipal, contando ademais cunha axuda da Deputación por un valor similar

Tomiño leva a pleno este luns os Orzamentos do ano 2022 por valor de 8.130.000 euros, un 5% con respecto aos do ano anterior.

Os Orzamentos 2022 contemplan un crédito dun millón de euros, a través do que o Concello poderá facer fronte á construción do Espazo Isaura Gómez, que albergará a futura biblioteca municipal e outras dependencias.

A alcaldesa Sandra González explica que no pleno do vindeiro luns darase conta tamén da aprobación do convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra no marco do programa REACPON (Reacciona Pontevedra Provincia), cunha achega de 1.108.423 euros de parte da entidade provincial. Informa, así mesmo, que a Xunta de Galicia non chegou a dar ningunha axuda económica para este importante e necesario proxecto, a pesar das numerosas entrevistas mantidas con este obxecto, e lembra que a Administración Autonómica aínda está a tempo de colaborar, xa que a achega provincial é compatible con outras que puidera haber para a mesma finalidade.

Por outra banda, o departamento de Benestar Social contará o ano que vén cun orzamento de 1,2 millóns de euros, o que representa o 15% das Contas Xerais, incrementándose a partida do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) nun 7% e chegando a 800.000 euros (o máximo histórico neste sector). Inclúense neste apartado os 120.000 euros que o Concello transfire á Xunta polas prazas do Centro de Días e das dúas escolas infantís existentes no municipio.

Taxas e impostos conxelados

Nos momentos de crise que se están a vivir, o equipo de goberno optou pola conxelación de impostos e taxas durante todo o exercicio. Na plusvalía introduce ademais unha bonificación do máximo porcentaxe (15%) permitido polo Real Decreto-ley 26/2021 de 8 de novembro, nos casos das herdanzas como vivenda habitual (95%) ou da transmisión hereditaria do resto de propietarios (50%). A alcaldesa explica sobre este imposto que esta nova ordenanza é a primeira no seu tipo que se aproba en Pontevedra e que suporá un aforro importante para os veciños e veciñas de Tomiño, xa que a pesar da confusión xerada pola sentenza do Tribunal Constitucional, o imposto segue a cobrarse nos concellos que o teñen aprobado, e que no caso de Tomiño terá a partir do vindeiro ano unha bonificación do 15%..

No capítulo de Persoal contémplase a suba dun 2% aos funcionarios, ademais da contratación  de dúas novas prazas de técnicos/as (de Xestión e de Medio Ambiente), pendentes de incluír na OPE e que veñen de convocarse.

Ademais, incrementarase a partida de Educación nun 10% co Plan de Obras nos Colexios (60.000 €) como principal investimento, e continúa apostándose pola cultura e a dinamización do comercio local, aumentándose as partidas para estes sectores nun 20% con respecto ao ano anterior.