Tomiño levará a pleno os orzamentos co investimento en servizos sociais máis alto da súa historia O capítulo destinado a asistencia social superará o millón de euros, duplícanse as partidas destinadas á traída de augas e mantense a educación e o benestar como aspectos estratéxicos

O Concello de Tomiño levará a pleno municipal o vindeiro martes día 12 a aprobación dos orzamentos de 2021. En total ascenden a 7.725.000 euros, un incremento do 5% con respecto ao ano 2019 e lixeiramente superiores ao 2020 tendo en conta que nel estaban incluídos a subvención do Plan Revitaliza e o programa de fondos europeos POCTEP.

Nos orzamentos destaca a aposta clara polo benestar e a asistencia social, partida que supera por primeira vez o millón de euros, pasando de 940.000 a case 1.150.000, un incremento do 23% con respecto ao ano anterior, no que xa medrara un 25%. Actualmente o investimento en servizos sociais supón o 15% do orzamento municipal, onde destaca especialmente o Servizo de Axuda no Fogar (750.000 euros), onde o Concello aporta unha parte da súa financiación malia ser este unha competencia autonómica encadrada na Lei de Dependencia. O goberno municipal reafirma con isto o compromiso cos investimentos sociais, nun momento de crise sanitaria e económica derivada da pandemia do Covid-19.

Neste momento de crise, o goberno municipal opta pola conxelación de impostos e taxas. No capitulo dos ingresos non se modifica ningunha taxa nin imposto, e quedan conxelados durante todo este ano. Non obstante, contémplase a redución aprobada recentemente en pleno para a bonificación da taxa do lixo dos negocios e comercios que estiveron pechado pola crise do COVID-19.

O orzamento cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria e o nivel de débeda alcanzada no ano 2021 considérase moi asumible, ao verse reducida a menos de 600.000 euros no final do ano (un 7,7% do orzamento total).

Nun contexto que impide que os orzamentos poidan ser expansivos, estes manifestan tamén unha aposta polas parroquias e pola procura da excelencia no tratamento dun ben de primeira necesidade como o é a auga, a través do aumento da cantidade destinada ao mantemento e mellora dos sistemas de traída de augas, que se duplica pasando dos 50.000 aos 100.000 euros. Procúrase deste xeito consolidar a Tomiño como un referente nesta cuestión.

Durante o ano 2021 a execución do Plan Revitaliza será outra das prioridades, onde está contemplada unha subvención de 450.000 euros para cambiar o modelo de xestión do lixo. Nese sentido, está prevista a creación dunha praza de mestre composteiro para finalizar a implantación do novo sistema.

Aposta pola Educación

Tamén terá unha importante presenza o capítulo reservado á Educación, que supón case o 10% do orzamento municipal. Neste sentido, o principal investimento será o Plan de Obras nos colexios do municipio. Tamén están contemplados, en relación ao proxecto da biblioteca municipal, os custes de alugueiro para as dependencias do Xulgado de Paz, que serán trasladadas provisionalmente ante a xa prevista execución no primeiro semestre do ano da demolición do edificio no que se atopan, como paso previo á edificación da biblioteca.

Gastos en persoal

No capitulo de persoal está contemplado o 0,9% de incremento dos salarios aos funcionarios públicos ao incluírse unha bolsa pendente da aprobación do goberno do Estado,  o que supón aproximadamente uns 30.000 euros sobre a cantidade que xa fai dous anos sufriu un incremento de 100.000 euros coa aprobación da RPT.

Está prevista a creación de varias prazas necesarias para o funcionamento do Concello como unha praza de Técnico de Xestión no departamento de secretaria, unha praza de carpinteiro e outra praza de Técnico de Medio Ambiente.