Tomiño loita contra o lume tramitando a limpeza de 300 fincas no prazo medio de dous meses O Concello súmase á campaña de prevención de incendios forestais “Toma medidas”, informando sobre distancias entre as plantacións e as casas, industrias, pistas, etc.

O Concello de Tomiño, leva a cabo, coma medida de prevención de incendios, unha labor de control sobre os terreos de núcleo rural do municipio, máis faixas de xestión secundaria da biomasa.

Con este fin, informa á veciñanza das distintas normativas existentes nas administracións, no relacionado, sobre todo, coa limpeza de fincas para a prevención de incendios ou obrigas de xestión da biomasa.

Un aspecto moi importante, nos que os técnicos da Concellalía de Medio Rural, que dirixe Lois Vázquez Calvo, fan especial fincapé é a distancia das plantacións nos distintos tipos de solo existentes no municipio e obrigas de xestión de biomasa nos seus terreos.

No ano 2017 foron máis de 300 as parcelas que foron denunciadas por non cumprir a normativa; a maioría tramitadas por demandas de veciños ou veciñas, e una menor parte, de oficio, pola mesma concellalía ou policía local. No que vai do ano 2018, as denuncias superan xa as 230, é dicir, que creceron un terzo máis que o ano pasado.

O concelleiro responsable indica que o tempo medio de resolución da maioría das denuncias foi de dous meses. “A maioría dos expedientes resólvense enviando so unha notificación ás persoas propietarias, aínda que un dos principais problemas cos que nos atopamos é a localización dos donos, xa que moitas veces, os datos do catastro municipal están incompletos ou son erróneos”, explica.

O procedemento habitual comeza pola solicitude (aos propietarios) de limpeza da finca, seguida dun informe da Policía Local, unha consulta catastral, o envío dunha primeira carta certificada, e dunha segunda, se fora necesario. No caso de que os propietarios non contesten (menor parte dos casos), o Concello procede á publicación no BOE e á execución subsidiaria.

Toma medidas

“Toma Medidas” é o nome da campaña de prevención de incendios forestais, organizada pola Xunta de Galicia e a asociación “Faite Corta Lumes”, coa que o Concello de Tomiño está a colaborar de forma activa. Trátase de informar á cidadanía da importancia de respectar as distancias das plantacións, manter o monte limpo e facerse responsable das propiedades de cada un. Tamén é moi importante controlar o crecemento da biomasa nas parcelas, e lembrar que as queimas autorizadas so están permitidas de día, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Entre as recomendacións da campaña está a de manter unha distancia de 50 metros entre calquera plantación de eucaliptos, piñeiros ou acacias e o solo urbano con edificacións, urbanizacións, depósitos de lixo, parques ou industrias.

A mesma distancia deben gardar os cámpings, gasolineiras ou instalacións de actividades perigosas, mentres que no caso de estradas e vías de ferrocarril, a distancia con plantacións de especies caducifolias baixa a 10 metros, e a 4 para as especies frondosas coma castiñeiro, carballo, sobreira, etc. Asemade, a distancia entre plantacións de eucalipto, piñeiros ou acacias e pistas forestais principais é de 4 metros (6 nos concellos declarados zonas de alto risco) e 2 para as especies frondosas.

O información completa pode consultarse nesta páxina ou nas da Xunta de Galicia.

diptico distancias 2018