Tomiño mellora o seu sistema de axudas ás comunidades de augas veciñais O Concello asinou un convenio coa Asociación COXAPO e coas dúas comunidades de augas que suman máis usuarios: Tomiño - Forcadela e Goián

O Concello de Tomiño, representado pola súa alcaldesa, Sandra González, asinou 3 convenios que permitirán que as comunidades de auga veciñais realicen obras de gran calado destinadas a evitar fugas e a mellorar tanto a captación como a calidade da auga.

Ao acto de sinatura asistiron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o presidente da Asociación das Traídas de Augas (COXAPO), Juan Joaquín Pousa, Manuel Álvarez, presidente da Comunidade de Usuarios de Augas Tomiño Forcadela, e o presidente da Comunidade de Usuarios de Augas de Goián, Alberto Fernández.

O Concello de Tomiño, amosando un gran compromiso coas traídas veciñais que se encargan de xestionar un recurso tan importante coma é a auga para o consumo humano, decidiu mudar o sistema de axudas imperante para optimizar o seu funcionamento.

Até o de agora, o montante das subvencións anuais, que ascendían a 50.000€, repartíase entre as máis de 30 comunidades de augas veciñais, garantindo o mantemento das mesmas pero deixándoas sen a posibilidade de levar a cabo reparacións de maior consideración. Por este motivo, o goberno local chegou a un acordo coa totalidade das traídas, que en asemblea decidiron que o máis eficiente era apostar anualmente por dúas obras de gran magnitude nas instalacións que precisasen dunha maior posta a punto.

Grazas á sinatura deste novo convenio, no presente ano as Comunidades de Usuarios de Augas Tomiño Forcadela e a de Goián percibirán 30.000€ cada unha. Ambas destinarán estas axudas principalmente a reparacións nas tubarías e a obras nos mananciais de captación.

Pola súa banda, COXAPO, que é unha asociación sen ánimo de lucro que integra 168 comunidades de usuarios de augas de toda Galicia, sendo 28 delas do Concello de Tomiño, empregará os 20.000€ de subvención para realizar análises das augas, un servizo que estará a disposición de todas as traídas que o soliciten, e tamén utilizará esta axuda para o desenvolvemento dunha aplicación informática que lles permitirá ás comunidades de usuarios de augas controlar telemáticamente o servizo, asegurando unha adecuada xestión e aproveitamento deste recurso.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González afirma que se trata dun paso moi importante cara optimizar a xestión dun ben tan prezado como é a auga. “En épocas como a que estamos a vivir na actualidade cunha seca que asola practicamente a todo o Estado, este tipo de actuacións cobran aínda máis relevancia, pois permitirán aproveitar ao máximo cada gota, reducindo a perda de auga e tamén mellorarán tanto a captación como a calidade das augas que consumirá unha gran parte da veciñanza de Tomiño”.