Tomiño Natural, unha semana de actividades centradas no coidado do noso medio Estrearase un documental dedicado ás traídas veciñais; haberá conversas sobre a compostaxe e a depuración das augas; plantación de especies autóctonas; exposicións, xogos, actividades e puntos de información

O impulso da compostaxe como forma de reducir os residuos e a mellora integral das augas, son os pilares nos que se vertebra a Semana do Medio Ambiente que, co lema Tomiño Natural, organiza o Concello este ano para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente.

As Concellerías de Medio Ambiente e de Servizos Públicos, aunáronse para a organización desta semana, nesta primeira edición, na que se se darán a coñecer os avances na materia e se convidará á cidadanía a participar e implicarse.  

“Tomiño aposta por mellorar o tratamento e reducir a produción de residuos. Queremos dar un novo impulso á compostaxe comunitaria e doméstica da materia orgánica para reutilizala como nutrinte da terra, e ao mesmo tempo, unha oportunidade para implicarse no coidado da natureza.”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

A segunda gran preocupación é o coidado da auga. “Queremos darlle un tratamento e depuración  adecuados porque é un recurso escaso e imprescindible; buscaremos novas alternativas de mellora do saneamento tradicional e sistemas de depuración eficaces”, afirma pola súa banda o edil de Servizos Públicos, Lois Vazquez.

Tamén se inclúe como tema especial, as árbores, cunha exposición das obras presentadas ó concurso sobre árbores senlleiras, cunha plantación de árbores autóctonas e coas actividades infantís do sábado.

Os actos comezan o mércores 2 de xuño coa estrea do documental “Da nosa man. As traídas de auga de Tomiño”. Ás 20.30 a cinta será subida ao Facebook do Concello, e no Auditorio de Goián terá lugar a presentación do traballo ás directivas das traídas, con acceso restrinxido. O acto contará coa presencia da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do presidente de COXAPO (Asociación de Traídas de Augas de Pontevedra), Juan Joaquín Pousa.

O xoves 3 de xuño haberá dúas actividades principais. Ás 17.00 horas, plantación de árbores autóctonas a cargo do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas”, e ás 20.30h no Facebook do Concello, “Conversa sobre alternativas para o tratamento e depuración das augas”, coa alcaldesa; o enxeñeiro experto en enerxías renovables e tratamento de augas residuais, José Luis Peraza, e a xefa de servizo de Aqualia en Tomiño, Marián Lago.

O programa continúa o venres 4 de xuño con outra conversa a través das redes do Concello (Facebook); neste día falarán sobre a compostaxe Ana Belén Casaleiro, concelleira de Medio Ambiente; Carlos Pérez, químico asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, e Sandra Alonso, mestra composteira.

O sábado 5 de xuño será o día grande da Semana, coincidindo co Día Internacional do Medio Ambiente. Na Praza do Seixo haberá xogos e talleres infantís (de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h) a cargo da Granxa Escola Corazón de Carballo, cunha temática vinculada ao Medio Ambiente e a riqueza natural de Tomiño. 

Ademais, ás 12.00h efectuarase a entrega de premios do concurso “Como ves ti as árbores senlleiras de Tomiño?”, nos seus diferentes niveis, cuxos traballos estarán expostos ao público do 1 ao 6 de xuño no primeiro andar do Mercado Municipal.

Por último, dende o mércores 2 de xuño até o sábado 5, haberá na Praza do Seixo un posto de información sobre compostaxe e reciclaxe, a cargo da Asociación Ecoloxista Amigos da Terra, con horario de tarde, de 18.00 a 20.00 horas, excepto o mércores que tamén estará de mañá. En Goián o posto informativo estará o día 3, entre as 11.00 e as 13.00 horas, coincidindo co mercadiño ambulante.