Tomiño obtén outro coche de policía cero emisións para adicalo a tarefas de seguridade medioambiental O vehículo, financiado polo Fondo de Compensación Ambiental, é híbrido, de tracción 4x4, e foi adquirido mediante o sistema de renting

Tomiño conta cun novo vehículo de policía co distintivo ambiental Eco ou Cero Emisións. Trátase dunha unidade móbil híbrida de tracción 4×4 que se destinará a tarefas de seguridade medioambiental.

O vehículo, adquirido en parte (69%) con cargo a unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental (Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo) para a modalidade de renting, está dotado con cinco portas, emisións máximas CO2 Mixto de 131g/Km.; indicador Eco-Drive, luces led, sistema de chamadas de emerxencia (e-call), Bluetooth mans libres, antena de telecomunicacións e preinstalación para emisora en salpicadero; chalecos antibala e kits de detección de drogas para controis, entre outros equipamentos especiais.

O coche vén a sumarse a outros tres que posúe a Policía Local e será destinado a funcións relacionadas coa protección do medioambiente e dos espazos naturais, facendo que os membros da policía local poidan velar dentro do territorio de Tomiño polo cumprimento de toda a normativa local e autonómica sobre a materia; en particular, vixilancia de parques e xardíns públicos, xestión dos residuos sólidos urbanos e protección contra a contaminación acústica, luminosa e atmosférica nas zonas urbanas; vixilancia e control da recollida selectiva de residuos, vertidos de restos de construción e demolición en solo urbano, residuos perigosos xerados por parte de comercios e industrias; limpeza de espazos públicos, fachadas e muros, etc.

Así mesmo, utilizarase para controlar e denunciar as infraccións por ensuciar espazos públicos; vixiar lugares de gran concentración de público e botellóns; tramitar a retirada de vehículos abandonados; protexer a flora e a fauna silvestre; vixiar a caza ilegal, recuperar animais silvestres e controlar o maltrato e abandono de animais domésticos.

 Vixilancia da proliferación de vertedoiros ilegais e traballos de prevención e defensa contra os incendios forestais, en colaboración co
departamento de Medio Rural do Concello de Tomiño, serán tamén tarefas para as que servirá o novo vehículo.