15 Xuñ Tomiño oferta este verán máis de 450 horas de actividades deportivas, formativas e de lecer destinadas á infancia e á mocidade A inscrición pode formalizarse xa a través da web municipal (www.tomino.gal)
Tras dous anos de pandemia, Tomiño recupera a normalidade de cara ao verán (meses de xullo, agosto, setembro e outubro) realizando unha mega oferta de campus, campamentos, cursos e obradoiros. O obxectivo é que a infancia e a mocidade poidan participar en propostas de educación non formal de carácter lúdico, educativo e deportivo.
Unha vintena de actividades (7 campus e 2 cursos deportivos, outros 4 cursos e eventos para a mocidade; 3 obradoiros e 2 campamentos) coas que o Concello tenta contribuír á conciliación da vida familiar e laboral e á inclusión social, fomentando ademais a interacción e a convivencia entre os/as participantes.
A oferta suma nada menos que 451,5 horas de formación e desfrute, divididas en 300 horas en disciplinas deportivas e as restantes en cursos, eventos, obradoiros e campamentos.
As diferentes propostas que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas e horarios, fundamentalmente, durante os meses de xullo e agosto. Cadaquén poderá escoller entre unha ampla oferta de actividades deportivas, científicas, artísticas, etc.
Concretamente, haberá tenis, con xornada de portas abertas; curso de promoción do piragüismo; campus de skate, fútbol feminino e mixto de fútbol; campus de tenis, de pádel, de bádminton e de atletismo; ioga integral para nenos e nenas; infancia e mocidade, campamento urbano e campamento musical; curso de fotografía, obradoiro de vídeo mapping e de canto (Operación Triunfiño en Tomiño); curso de iniciación ao lettering, obradoiro de robótica, evento de gaming (Tomiño Gamer) e a actividade “Constrúe o teu Futuro” con metodoloxía lego® serious play®
A Concellería de Participación Infantil e Mocidade, que dirixe Fátima Rodríguez, prevé bonificacións para diferentes casos; por exemplo, para os nenos e nenas empadroadas en Tomiño que sexan irmáns e participen xuntos/as na mesma actividade (bonificación a maiores de 5 euros por cada neno/a); persoas que sexan voluntarias do Concello (bonificación do 50% en todas as actividades), ou socios e socias da Agrupación Musical de Goián (bonificación do 50% no campamento musical).
Por último, as persoas que entreguen informe favorable do Departamento de Servizos Sociais do Concello terán unha bonificación do 50%, ou ben, dereito a asistir de xeito gratuíto a todas as actividades que se ofertan na campaña de deportes de 2022.
Todos os e as menores de idade precisarán autorización materna, paterna ou do titor/a legal.
En todos os cursos ofertados requírese un mínimo de 15 persoas para que se leven a cabo. Para máis información, chamar ao 986 622 001/02/03 e/ou mandar un correo electrónico a omix@tomino.gal. As inscricións poden realizarse a través dun formulario que está disponible en https://tomino.gal/campus-cursos-e-obradoiros-veran-2022/