Tomiño participa na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega

Tomiño participa na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega A actividade será o vindeiro 27 de setembro en dous puntos diferentes do municipio

Como cada ano o Concello de Tomiño colaborará coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) ao abeiro do Proxecto Ríos. O vindeiro 27 de setembro voluntarios e voluntarias participarán nesta actividade que, baixo o lema de ‘Móllate polos ríos’, promove a retirada de lixo da beira dos ríos, coa que se busca achegar un gran de area na conservación dos ecosistemas fluviais e concienciar á veciñanza.

A Concellería de Medio Ambiente e a OMIX de Tomiño coordinarán a limpeza e participación de, aparte dos voluntarios e voluntarias inscritos, da Asociación A Taíña de Goián e o Centro terapéutico Alborada, de Piñeiro. Os e as participantes dividiranse en dous grupos, un que sairá do antigo embarcadoiro do ferry en Goián, mentres que outro partirá da Praza do Seixo de Tomiño, fronte ao Concello. A actividade será de 10.00 a 13.00 horas.

A actividade está aberta a todos os públicos. As persoas voluntarias serán agasalladas cunhas máscaras co lema da limpeza. Ademais, respectaranse as indicacións pertinentes en relación á crise sanitaria provocada pola COVID-19 dependendo da situación de cada municipio. Dende o Proxecto Ríos lémbrase que o uso de máscara é obrigatorio e recoméndase manter sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m e, a cada persoa voluntaria, levar as súas propias luvas.

Dende a organización aconsellan tamén non arriscar a integridade física para coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles; pedir axuda a outros participantes para recoller as cousas máis pesadas; extremar as precaucións para retirar vidro, ferralla ou materiais cortantes; non traballar de costas ao río sobre todo se se está arrincando algo que está enterrado para evitar o risco de caer ao auga e ter coidado coas zonas de corrente forte e profunda.

Proxecto Ríos

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

A XIII Limpeza SimultáneaMóllate polos ríos” celebrarase este ano en 49 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 58 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta duodécima edición. A limpeza do vindeiro 27 de setembro mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 49 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.