Tomiño participa nos actos “UE: 30 anos xuntos” celebrando as tres décadas de adhesión á Unión Europea

Entidades públicas e privadas de Galicia e Portugal cruzaron a antiga Ponte Internacional entre Tui e Valença, portando as bandeiras de todos os estados membros

As cidades transfronteirizas son os lugares onde son máis visibles os efectos da adhesión de España e Portugal á Unión Europea. Por este motivo, o día 6 de maio pasado, distintas entidades públicas e privadas de Galicia e Portugal celebraron o 30 Aniversario da adhesión de España e Portugal á UE, cruzando a antiga ponte internacional entre Tui (Galicia) e Valença (Portugal), e portando as bandeiras de todos os estados membros. Máis tarde, na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença, celebráronse diferentes actividades e intervencións.

O percorrido pola antiga ponte foi liderado por estudantes que portaban bandeiras de todos os estados membros. Seguidos por mozos/as, traballadores/as, empresarios/as e cidadanía en xeral, de ambos os lados do río, a camiñada rematou na “Escola Superior de Ciências Empresariais” de Valença do Minho.

Alí inaugurouse a Exposición das redes oficiais de información europea de Galicia e Norte de Portugal, e europarlamentarios galegos e portugueses deron unha charla sobre o pasado, presente e futuro desta rexión na UE. Os actos conmemorativos remataron coa actuación humorística de Quico Cadaval “A raia 30 anos despois”.

O comité organizador da celebración destas tres primeiras décadas de pertenza á UE, estivo composto por Asociación Ingalicia, Asociación Xuvenil Abertal, Associação Empresarial de Portugal, Associação Industrial Do Minho, Associação Portuguesa de Criadores de Bovinos dá Raça Minhota, Axencia Galega de Innovación, Cámara de Comercio e Industria de Ourense, Concello de Lugo, Concello de Tomiño, Confederación de Empresarios de Galicia, Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal, Deputación dá Coruña, Instituto do Emprego e Formaçao Profissional I.P., Instituto Galego de Promoción Económica, Servizo Público de Emprego de Galicia, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, e Universidade do Minho.

Colaboraron a Eurocidade Tui-Valença e a Escola Superior de Ciências Empresariais.