Tomiño participa nun programa de voluntariado europeo para a mocidade As persoas aspirantes deberán ter entre 18 e 30 anos e pasarán 12 meses en Irlanda desenvolvendo programas de educación non formal en escolas locais, en áreas coma deportes, cultura, comunicación...

O Concello de Tomiño, participa a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), nun programa de voluntariado europeo para persoas mozas de entre 18 e 30 anos que desexen pasar un ano en Irlanda.

A experiencia a convoca “Love and Care for People (LCP). European Solidarity Project”, unha entidade parceira da OMIX Tomiño.

O obxectivo do proxecto é desenvolver a solidariedade e promover unha cidadanía activa e un entendemento entre a mocidade, desenvolvendo programas de educación non formal con nenos  e nenas de escolas locais en distintas áreas: deportes, teatro, danza etc. As persoas voluntarias terán que traballar (un máximo de 36h á semana) impartindo ou acompañando aos participantes en gran variedade de obradoiros e actividades, tentando sempre de brindar apoio e experiencia para o  desenvolvemento das potencialidades de cada participante.

A cambio recibirán aloxamento, comida, transporte, seguro de saúde e unha cantidade de diñeiro para gastos diarios. Como requisitos, pídese que os candidatos e candidatas voluntarios sexan de mente aberta, tolerantes, con actitude positiva, motivación, iniciativa e respecto; paciencia cos nenos e nenas e cun nivel intermedio de Inglés escrito e falado.

O proxecto comeza no mes de abril, polo que as persoas interesadas deben pórse en contacto ca OMIX (omix@tomino.gal) o antes posible para ampliar a información e coñecer os trámites a desenvolver e a documentación necesaria para poder aplicar á convocatoria.