Tomiño participará na Asamblea Estatal Eurodesk de maneira virtual A OMIX, que pertence a esta rede europea de información para a mocidade, mantivo unha reunión por videoconferencia con respresentantes de outras oficinas españolas

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño, asistirá virtualmente, o vindeiro 3 de xuño, á Asamblea Estatal de Multiplicadores Eurodesk que ía ter lugar en Mollina (Málaga), pero que debido á crise sanitaria, non poderá celebrarse de forma presencial, tal coma estaba previsto.

A decisión tomouse nunha reunión virtual realizada estes días con representantes de outras oficinas multiplicadoras de España, co propósito de abordar tamén temas tales coma a formación online para o manexo de diferentes redes sociais usadas pola mocidade (como Tik Tok ou Instagram); a realización de webinars sobre cómo afrontar dende os servizos para a mocidade a situación de pandemia actual no que se refire a proxectos europeos; mobilidade, actividades para a mocidade, achegamento da información, mellora da calidade do servizo, etc.

A oficina municipal, na súa condición de ente “Multiplicador Eurodesk”, informa sobre programas e actividades europeos dirixidos non só ás persoas mozas, senón tamén ás que traballan no eido da mocidade. De alí que na reunión celebrada, tamén se compartiran os “deberes” do persoal de Eurodek, pois para seguir pertencendo á rede, é vital cumprir os obxectivos, traballar de xeito cooperativo e activo.

Por último, acordouse continuar coa labor de redactar eventos, artigos e noticias para crear contido en español e inglés na web do Portal Europeo de la Juventud (https://europa.eu/youth/EU_es) e resolver as dúbidas que a mocidade plantexa a través do mesmo.

Por outra banda, sumándose á conmemoración do Día de Europa (9 de maio), a OMIX Tomiño está a compartir a través das súas redes sociais, entrevistas realizadas a algunhas das voluntarias europeas que traballaron no Concello dentro do programa Erasmus+.

A Rede Eurodesk, á que pertence a OMIX Tomiño dende hai anos, centra a súa atención na información relativa ás áreas de educación e formación, co fin de que a mocidade se involucre en diferentes actividades europeas, accedindo á información de forma directa e sinxela, o que fomenta un sentemento de identidade europeo e abre unha morea de oportunidades. Os postos de Eurodesk son chamados Multiplicadores Cualificados e son oficinas locais repartidas por vilas e cidades de toda Europa, que dan a coñecer a información á mocidade, tanto presencialmente, como a través das ferramentas informáticas.