Tomiño pecha uns orzamentos históricos de 10,63 millóns de euros para 2026

Tomiño pecha uns orzamentos históricos de 10,63 millóns de euros para 2026

Tomiño pecha uns orzamentos históricos de 10,63 millóns de euros para 2026

Son os primeiros orzamentos nos que non se destina ningunha partida a amortizacións de crédito, xa que o Concello ten débeda cero

Tomiño é un dos primeiros concellos da provincia en aprobar os seus orzamentos

Tomiño dá un paso histórico na súa planificación económica co Concello a piques de converterse nun dos primeiros municipios da provincia en aprobar os seus orzamentos municipais para 2026 que serán de 10,63 millóns de euros, a cifra máis alta da súa historia. O departamento de Intervención xunto co concelleiro de Facenda remataron o documento dos orzamentos do vindeiro ano, que será presentado aos grupos da oposición para a súa aprobación no pleno ordinario de decembro.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “estes orzamentos supoñen un salto cualitativo para o noso Concello. Nunca antes destináramos tantos recursos ao desenvolvemento do municipio, aos investimentos nas parroquias e a cuestións como a mellora das condicións do noso equipo de traballo. É un exercicio de planificación responsable, co que afianzamos a sustentabilidade económica do municipio e a calidade dos servizos públicos”.

O incremento máis significativo prodúcese no capítulo de persoal, debido á entrada en vigor da modificación da RPT, que revaloriza os postos das e dos traballadores municipais e recoñece novas funcións e responsabilidades, cun impacto económico de máis de 200.000 euros distribuído en dúas fases: o 75% en 2026 e o 25% en 2027. Este proceso foi resultado de meses de diálogo e consenso con traballadores e sindicatos, consolidando un modelo de xestión interna máis xusto e equilibrado.

Nestes orzamentos para 2026 destaca tamén a ausencia de amortizacións de crédito, grazas á débeda cero que presenta o Concello e ao superávit de máis de 3,5 millóns de euros pechado en 2024. A boa xestión municipal permitiu tamén executar case 2 millóns de euros en proxectos europeos durante o mesmo exercicio, demostrando a capacidade de captación de fondos externos. Pola súa banda, o capítulo de investimentos prioriza as intervencións nas parroquias como o plan de actuacións marcadas nos Consellos Parroquiais, como os saneamentos autónomos ou nas traídas de augas.

O Goberno local tamén alerta de que, a pesar destes avances, Tomiño segue asumindo gastos que son competencias da Xunta, como o financiamento do SAF, o centro de día, as escolas infantís ou o canon de saneamento, que suman case un millón de euros. “Lamentablemente vemos que a Xunta non só non colabora cos municipios, senón que lles quita diñeiro ao ter que afrontar dende os recursos ordinarios do concello cuestións de competencia unicamente do goberno autonómico”, destacou a alcaldesa.

A capacidade de captación de fondos do Concello permitirá que, aínda que non se recollan nos orzamentos, Tomiño investirá máis de 5 millóns de euros ao longo do 2026 en distintas obras e inversións como a Senda do Pego ou a Casa do Tempo financiadas con fondos europeos NextGenerationEu, fondos transfronteirizos, de Confederación Hidrográfica do Miño Sil e doutras administracións.