Tomiño planta mañá unha figueira filla da da Casa de Rosalía de Castro O acto porá o broche de ouro á programación dos actos de conmemoración do nacemento da poeta e escritora galega

Unha filla da figueira da casa da escritora Rosalía de Castro en Padrón, será plantada mañá no Concello de Tomiño. Presidirán o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, co fin de homenaxear á figura da gran muller das letras galegas no seu 185 aniversario.

A plantación terá lugar ás 12 do mediodía no terreo anexo ao Edificio de Benestar do Concello de Tomiño, situado no barrio da Rocha, nas proximidades da Casa da Cultura. O acto contará coa participación de membros da corporación municipal e de integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, que lerán poemas, e do Grupo de Gaitas Virxe do Alivio, que porá a nota musical.

Con este acto, o Concello quere homenaxear a Rosalía de Castro, reafirmando o seu compromiso coa Fundación do mesmo nome, da que é mecenas desde hai un par de anos, e por ao mesmo tempo o broche de ouro á programación dos actos conmemorativos do nacemento da escritora.

Foto: figueira da Casa de Rosalía de Castro (Padrón).