Tomiño planta unha figueira filla da da casa de Rosalía de Castro Este acto puxo o broche de ouro á programación dos actos de conmemoración do185 aniversario do nacemento da poeta e escritora galega

As persoas asistentes, entre as que se atopaba o presidente da Fundación Rosalía de Castro, recibiron unha camelia e un poema da autora

Unha filla da figueira da casa da escritora Rosalía de Castro en Padrón, foi plantada esta mañá en Tomiño. Presidiron o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, co fin de homenaxear á figura da gran muller das letras galegas no seu 185 aniversario.

A plantación tivo lugar ás 12 do mediodía no terreo anexo ao Edificio de Benestar do Concello de Tomiño, situado no barrio da Rocha, nas proximidades da Casa da Cultura. O acto contou coa participación de integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, que leron varios poemas, e de dúas compoñentes do Grupo de Gaitas Virxe do Alivio, que puxeron a nota musical.

Con esta plantación, o Concello quixo homenaxear a Rosalía de Castro, reafirmando o seu compromiso coa Fundación do mesmo nome, da que é mecenas desde hai un par de anos.

Este acto puxo o broche á programación dos actos de conmemoración do nacemento da poeta e escritora galega. As persoas asistentes recibiron unha flor de camelia e un poema da autora. Así mesmo, o Concello agasallou á Casa de Rosalía de Castro cunha planta de camelia.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, declarou que “para nós é unha honra, que esta figueira que é pequeniña, medre, como medre tamén a nosa colaboración durante este ano e no futuro” O representante da fundación salientou que Tomiño foi un dos primeiros concellos mecenas da Casa de Rosalía na nova etapa etamén no pasado.

A alcaldesa pola súa banda sinalou que a pequena figueira plantada hoxe simboliza a unión de Tomiño coa fundación e coa casa de Rosalía; lembrando que o mecenazgo foi aprobado en pleno por unanimidade e que agarda que xurdan novos proxectos culturais entre as dúas entidades. Así mesmo, a alcaldesa agradeceu a labor da concelleira de Cultura, Ani Fernandez, “rosaliana de formación e devoción que levou todo o traballo da organización dos actos conmemorativos”.

A figueira orixinal (un exemplar de Ficus Carica L, da Rexión Mediterránea, Asia Menor), preside o xardín da casa da escritora sita en Padrón. Árbore monumental e senlleira dos tempos de Rosalía, é un dos rexistros florísticos máis prezados de Galicia e unha das árbores protagonistas indiscutible da finca, que leva resistindo heroicamente as inclemencias do tempo e a escasa lonxevidade da súa especie. Non existe documentación que permita coñecer a data de plantación, aínda que é probable que a propia Rosalía a plantara tendo en conta os versos publicados en ‘Cantares galegos’ en 1863: “Miña terra, miña terra, terra onde me eu criéi, hortiña que quero tanto, figueiriñas que prantéi”.